Os medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero

Rueda_Igualdade_Mar Sánchez Sierra_medios de comunicación e violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou esta mañá a Xornada Técnica sobre “O tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación e a publicidade non sexista”, onde incidiu na importancia dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero coma transmisores á cidadanía do que acontece na nosa sociedade.

Alfonso Rueda na inauguración destas Xornadas de formación e concienciación dirixida de xeito específico aos xornalistas resaltou a importancia destas profesionais coma encargados de trasladarlle á cidadanía o que acontece na nosa sociedade, coma colectivo especialmente relevante na loita contra a violencia de xénero.

Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse dos mesmos problemas de valores, dos mesmos estereotipos caducos e dos mesmos mitos enganosos, polo que é de especial importancia facerlle entender á cidadanía que que a muller agredida nunca é a culpable do que lle sucede, e defender sempre a dignidade e a liberdade das mulleres, e polo tanto evitar tratos indignos ás mulleres nos nosos medios e na nosa publicidade coma medida de prevención da propagación duns valores nocivos e perigosos.

Por iso unha das principais labores que ten encomendado o Observatorio Galego da Violencia de Xénero a través da creación no seu seo da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista que se activou o mes pasado e que conta coa participación de axencias de publicidade e profesionais do xornalismo é loitar dende os medios de comunicación e dende o ámbito do discurso e dos conceptos para poder gañar a batalla contra a violencia de xénero antes de que comece. Así, coma velar pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola incorporación de mensaxes positivas que contribúan a erradicar todo tipo de discriminación por razón de xénero.

Dúas mesas redondas
A iniciativa está organizada pola Secretaría Xeral de Medios e a de Igualdade e conta con 70 persoas inscritas. Está a desenvolverse no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e contará con importantes relatores do mundo da comunicación, a universidade e a administración. Haberá dúas mesas redondas co seu correspondente coloquio final para recoller as conclusións dos distintos relatorios e invitar á participación dos asistentes para enriquecer o debate. A encargada de clausurar o evento será a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

A primeira centrarase no tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación e estará formada polo profesor de socioloxía da Educación da USC, Jorge García; a xornalista da TVG, Maite Teijido; e a experta en comunicación e xénero, Pilar López Díez; que abordarán “A violencia de xénero a través dos mass media”, “O papel do xornalista” e “10 anos despois da Lei: cómo os medios tratan a violencia de xénero”, respectivamente. O moderador será Enrique González, subdirector da Secretaría Xeral de Medios.

Pola súa banda, a mesa redonda destinada á publicidade non sexista estará formada polo subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero, Belén Liste; o presidente de Creatividade galega, Jesús Pérez Seoane; e a profesora de Periodismo da UAB, Elvira Altés; que falarán sobre o papel da “Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista”, “o uso perverso dos estereotipos publicitarios” e “O imaxinario oculto da violencia”. Exercerá como moderadora deste segundo bloque Fe Alvedro Riveiro, da Secretaría Xeral da Igualdade. As xornadas serán clausuradas pola Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar