Fútbol, espello da sociedade

NO mes de decembro de 1977 xogaban a liga de fútbol dous equipos coreanos. Un xogador cae mancado. O equipo contrario lanza o balón fóra da banda. Un xogador quixo devolverlles a pelota, con tan mala sorte que marca gol. Foi coma se unha lousa caese sobre todo o equipo. Os xogadores do equipo que viña de meter gol quedaron todos paralizados. Todos non, tiñan un defensa central e un porteiro rusos, que defendían o resultado con unllas e dentes e xesticulaban cos seus compañeiros sen comprender ben o que pasaba. Cada vez que fallaba un gol o equipo que ía perdendo, os contrarios laiábanse. Faltando un minuto foron quen de marcar. O público do equipo que viña de recibir o gol proferiu en aplausos e en berros de ledicia. Os xogadores, dun e doutro equipo, abrazáronse aos seus coma se ambos marcaran. Remataba o partido. Empate a un.

Este feito real, mostra como as características e os valores da sociedade se transmiten aos campos de xogo é as bancadas. O fútbol é un reflexo da sociedade.

A violencia da sociedade occidental, non só se trasladou aos campos de fútbol senón que o Poder, con maiúscula, tamén usou os campos de xogo como válvula de escape, lugar onde esa violencia está regrada e controlada.

Non se entenden, doutro xeito, os centos de miles que os estados gastan na seguridade dos campos. Que centos de policías escolten a centos de seareiros mentres estes, camiño dos estadios, profiren consignas e insultos racistas ou xenófobos.

A pregunta é por que agora e non antes toman a determinación de rematar coa violencia no fútbol no Estado español. Pola morte de Gimy? Non. Durante os 10 últimos anos, máis de 100 seareiros foron gravemente feridos. As autoridades sábeno.

Se o deciden agora, se é que van en serio, as razóns terán moito máis peso que o «simple» asasinato dun seareiro.

Poida que sexa porque a violencia se converteu en parte do espectáculo que pretenden exportar a unhas sociedades, como as orientais, cuns valores moi distintos, que non admiten a violencia gratuíta.

Un espectáculo cada vez máis pensado para as televisións e menos para os espectadores nos campos. Por iso están dispostos a desterrar aos seareiros dos estadios. Aos violentos, ditando normas contra os insultos que, na práctica, impedirán a asistencia de espectadores, pero tamén aos afeccionados, con horarios disuasorios.

As entradas só representan unha parte ínfima dos ingresos. Un exemplo: o Celta a tempada pasada ingresou 20,5 millóns por dereitos televisivos e 1,3 millóns por entradas.

A pregunta é cara onde canalizarán a violencia? Ou tratarán de coutala só con leis represivas?

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar