Marcos Valcarce recibe a título póstumo a Medalla de Ouro da provincia de Ourense

Baltar_viuva de Marcos Valcarce

O historiador e escritor Marcos Valcárcel recibiu hoxe, a título póstumo, a Medalla de Ouro de Ourense -a máxima distinción provincial-, que lle foi entregada á súa viúva, María Xosé Picouto, por parte do presidente da Deputación de Ourense, nun acto solemne que tivo lugar no Salón de Pleno da institución provincial ourensá coa presenza de familiares e amigos do homenaxeado, do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; de membros da Corporación Provincial, e de representantes dos ámbitos institucionais, culturais e sociais.

A gabanza do galardoado estivo a cargo do escritor Bieito Iglesias quen definiu a Marcos Valcárcel como un “activista cultural, cheo de bonhomía e tolerancia, que lle devolveu a Ourense o nome da Atenas de Galicia”. “Marcos encarnaba a beleza moral de Galicia, por iso tanta xente o seguía –afirmou Bieito Iglesias-, e ao longo da súa vida foi quen de levar a cabo un inxente labor nos eido da historia, do xornalismo, da literatura, do cine e das actividades culturais”.

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial destacou no seu discurso o compromiso de Marcos Valcárcel “co galeguismo, co ourensanismo e coa ética, así como a súa defensa circia da lingua e da cultura deste país”. Manuel Baltar subliñou que xa cando en 2012 “plantexei denominar “Marcos Valcárcel” o Centro Cultural da Deputación dixen que este feito representaba unha homenaxe merecida á súa figura, traxectoria e compromiso. En 2013 tivo lugar o emotivo acto de descobrimento no dito centro cultural da placa que da nome do ilustre escritor e historiador ourensán, e agora entregámoslle a título póstumo a Medalla de Ouro de Ourense, unha distinción que foi referendada pola unanimidade dos grupos políticos da Corporación Provincial”.

Manuel Baltar lembrou que este recoñecemento xa o recibiron persoeiros como o musicólogo Manuel de Dios, compositor do Himno de Ourense; Recaredo Paz, fundador de Aixiña, ou Xaime Quessada, artista plástico, e tamén destacou Baltar as adhesións recibidas a prol desta homenaxe a Marcos Valcárcel por entidades como o Liceo de Ourense, o Centro PEN Galicia, ou fundacións como a “Insua dos Poetas”, “Carlos Casares” ou “Otero Pedrayo”.

Baltar anunciou a disposición por parte da Deputación de Ourense de levar a cabo “o rescate da obra xornalística de Marcos Valcárcel, na que amosa o acontecer da contemporaneidade. Unha escolma dos artigos que publicou ao longo de tres décadas en xornais e mesmo no seu blog, pois tamén nisto Marcos foi un adiantado, pioneiro no ciberespazo ourensán e galego”.

O presidente da Deputación definiu a Marcos Valcárcel como “un ensinante con experiencia” que nos vai descubrindo “ao pensador dunha Galicia inserida no proxecto da unidade europea, unha realidade na que existimos e perduramos grazas á diferenza. É a identidade propia, asentada na tradición e identificada pola fala a arela común, o elo de unión, ese sentimento de país que debe estar por riba de ideoloxías e de partidos”.

Pola súa banda, María Xosé Picouto agradeceu á Deputación de Ourense o galardón, no seu nome e no da súa filla, “porque recoñece a traxectoria intelectual de Marcos e a súa xenerosidade. El foi un traballador incansable que sempre dicía que, á marxe da valía literaria, estimaba dos escritores a súa capacidade de lealdade”, e rematou afirmando que actos como este “fan que a súa memoria siga viva entre nós e que a súa luz non esmoreza”.

O deputado de Cultura, Avelino García Ferradal, deu lectura ao expediente do galardón, no que se destaca que a concesión da medalla ten a súa razón de ser “polos méritos contraídos por Marcos Valcárcel ao longo da súa vida e da súa traxectoria profesional nos eidos da historia, a docencia e o xornalismo, así como tamén por ser un dos dinamizadores culturais máis fecundos e rigorosos de Ourense, que conectou aos vellos autores da xeración Nós cos novos escritores e investigadores”.

O acto contou coa participación da Coral de Ruada que interpretou ao comezo a composición musical “Ourense ao lonxe” para rematar coa interpretación do “Himno da Provincia de Ourense”, composición de Manuel de Dios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar