As autoestradas autonómicas afrontan un inverno en boas condicións de seguridade

Obras de mellora autoestradas autonómicas

As autoestradas A Coruña–Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) afrontan o inverno cunhas mellores condicións de seguridade logo dun investimento de 865.000 euros executado no marco dunha campaña extraordinaria de reforzo de firmes leva a cabo este outono.

As autoestradas autonómicas rexistran un comportamento estrutural do firme correcto, pero co paso do tempo producíronse deterioracións localizadas, que foron reparadas mediante fresado e reposición con mesturas bituminosas en quente nunha superficie de máis de 6.300 metros cadrados de firme na AG-55 e algo máis de 3.200 metros cadrados de firme na AG-57.

Tamén se mellorou o firme mediante fresado e reposición con microaglomerado en quente entre os puntos quilométricos 19+500 ao 20+900 da AG-55 dirección Carballo, e entre os puntos quilométricos 10+675 e 11+640 da AG-57 dirección Vigo, para corrixir irregularidades superficiais que facían incomoda a condución. A superficie tratada con estas técnicas foi de 9.468 m2 de firme na AG-55 e 11.362 m2 de firme na AG-57.

Finalmente, onde se identificaron deterioracións menores na superficie do firme empregáronse microaglomerados en frío, pola súa función de rehabilitación superficial e a mellora da resistencia ao deslizamento. A superficie tratada con estas técnicas foi de 157.440 m2 na AG-55 e 114.283 m2 na AG-57.

 

RESTABLECIDO O TRÁFICO NA AG-57

Este xoves restableceuse o tráfico entre os puntos quilométricos 16+800 e 15+200 da autoestrada AG-57, onde caera un bloque de pedra dun noiro debido ao efecto combinado que exercían as raíces das árbores e as intensas chuvias habidas na primavera.

As tarefas realizadas consistiron na estabilización do noiro mediante barras de aceiro de diámetro de 25 mm e 6 metros de lonxitude, así como a colocación de mallazo previo ao revestido con formigón.

 

TARIFAS CONXELADAS

Por outra banda, hai que destacar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de aprobar as tarifas das autoestradas A Coruña–Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) para o ano 2015, que manterán a súa contía con respecto ao 2014, ao igual que sucedeu neste ano con respecto ao 2013. Súmanse así dous anos consecutivos de conxelación dos prezos das peaxes das autoestradas que dependen da Xunta de Galicia.

Deste modo, a AG-55 e a AG-57 seguirán estando entre as autoestradas de peaxe máis baratas de España para os usuarios, con contías significativamente menores que as medias tanto das autoestradas autonómicas como das que dependen do Estado.

Ademais, sobre estas tarifas aplícanse desde o ano 2010 descontos nos percorridos entre dous enlaces realizados con dispositivo de telepeaxe. En concreto, descóntase o 25% na viaxe de volta dun traxecto de ida e volta e o 50% para o segundo e seguintes traxectos de volta, para todas as categorías de tráfico. O importe desas bonificacións descóntaselle ao usuario e asúmeo a Xunta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar