Abre o Belén da Catedral de Santiago, con 500 pezas talladas a man

Belén CAtedral de Santiago

09/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañados polo deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, inauguraron o Belén instalado na Catedral e promovido por esta última entidade autonómica. O Nacemento ocupa 55 metros cadrados e nel pódense contemplar máis de 500 pezas de gran tamaño, talladas a man, cun traballo delicado e minucioso, en consonancia coa rica tradición da ourivería compostelá. Este Belén poderá ser visitado ata o 7 de xaneiro.

Segundo Agustín Hernández, «o Belén da Catedral axúdanos a lembrar a orixe desta tradición que aparece relacionada con San Francisco de Asís, a quen se lle atribúe a primeira representación do Nacemento nunha cova do Lazio italiano, 9 anos despois da súa peregrinación a Santiago de Compostela, da que precisamente este ano que remata celebramos os 800 anos». Así, «este Nacemento da Catedral é un elemento moi importante, non só polo seu significado relixioso, senón porque engade outro atractivo que sumar á celebración do Nadal en Compostela».

Dende o pasado venres, 5 de decembro, a Catedral de Santiago acolle este Belén tradicional, que neste primeiro fin de semana xa atraeu a millares de turistas e que poderá visitarse ata o vindeiro 7 de xaneiro.

As máis de 550 pezas que compoñen este espectacular Belén están decoradas, realizadas e talladas a man de forma artesanal por destacados imaxineiros do mundo do Belén. A escenografía, realizada «in situ», componse, principalmente, de materiais naturais como madeira, vexetación e cortiza de sobreira.

Xunto ás escenas máis tradicionais como o nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, o Belén mostra diversos acontecementos da vida cotiá e oficios.

Este Belén comezouse a construír no ano 2006, tardando dous anos na súa elaboración, montándose por primeira vez no Nadal do 2008 en Madrid. Durante estes anos, foi exhibido en distintos lugares, cun grande éxito e afluencia de público. Para a súa exposición na Catedral de Santiago, incluíronse novos elementos arquitectónicos e novas escenas que fan do Belén da Catedral unha mostra única. As figuras da parte exipcia, realizáronse en exclusiva para esta ocasión, así como algunhas concretas da parte hebrea.

Intenso programa de Nadal
A propósito da programación do Nadal, apuntou que, xunto co Mercado da Quintana que se inaugura este venres, o Mercado da Estrela do 20 e 21 de decembro, a pista de patinaxe, o Belén do Obradoiro, a Árbore das Ilusións da praza Roxa e múltiples actividades máis, axuda a converter a Santiago nun «Nadal de marca, un Nadal con personalidade propia e diferenciada».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar