Aberto o Salón da Xuventude Megaxove, en Expourense

Megaxove_Expourense_2

Megaxove 2014 abriu as portas da súa 15ª edición recibindo a visita de máis de 750 escolares procedentes de distintos puntos da provincia como a capital, Pereiro de Aguiar, A Rúa de Valdeorras e Ribadavia. Eles foron os primeiros en descubrir e participar nas máis de 100 actividades que o salón da Xuventude ofrece dende hoxe ata o vindeiro luns 8 de decembro ás 20.00 h. Nunha superficie de 8.000 metros cadrados danse cita 37 expositores entre federacións e clubes deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia. Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente.

Durante esta primeira xornada os visitantes coñeceron e participaron activamente nas novidades desta edición como o futbolín humano, o obradoiro de primeiros auxilios da Cruz Vermella ou o de salvamento acuático. Ademais, a Área da Concellería de Xuventude, que inclúe videoxogos, inchable, krosmaster e scalextric entre outras cousas, foi un dos espazos máis visitados ofrecendo ademais a posibilidade de escribir e enviar a “Carta aos Reis Magos”. No referente ás actividades deportivas, hoxe houbo adestramentos e exhibicións de wushu, hapkido, kick boxing, ximnasia rítmica e halterofilia.

Megaxove contou esta mañá cunha visita institucional presidida polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez. Pola tarde houbo outra que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, acompañado doutros membros da corporación municipal e do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Megaxove_Expourense

 

Megaxove foi ademais o espazo elixido para a sinatura de colaboración entre Expourense e o Clube Baloncesto Ourense C.O.B. e que implica, entre outras cousas, a promoción dos eventos do recinto nos partidos e viceversa.

O Salón da Xuventude ofrece a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serve tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ó tempo libre, á cultura e ás disciplinas deportivas minoritarias. Nesta cita ten cabida todo aquelo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables. Cada rapaz e rapaza pode escoller libremente en qué quere investir o seu tempo de lecer: dende xogos populares e tradicionais ata a zona de videoxogos, ou dende deportes maioritarios como o fútbol sala ata outros menos coñecidos como a halterofilia ou a esgrima.

Destaca ademais o servizo de gardería “Deixa o teu peque” que está dispoñible na Área coa que contará a Concellería de Xuventude de Ourense en Megaxove. Este servizo gratuíto está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 11 anos e cunha duración máxima de dúas horas. Para facilitar a visita dos máis pequenos e das familia, Megaxove dispón dunha Sala de Lactancia e dun “Parking de carriños”.
Torneos
O deporte é coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove, que continúa promocionando as disciplinas minoritarias para contribuír á difusión destas alternativas de seguimento menos masivo como poden ser o judo, o karate, o kickboxing, ou a esgrima. Expourense é o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos que xa contan cunha longa traxectoria como, por exemplo o VIII Torneo de halterofilia, que convoca a deportistas de toda Galicia e que contará coa participación do 4º clasificado do Campionato de Europa, Alberto Díaz.
Ademais das probas, tamén se fomentará a participación activa do público a través de xogos ou clases de iniciación. A esta listaxe hai que engadir o hapkido, a ximnasia rítmica, a loita grecorromana, a loita libre olímpica, o taichi, o wushu, o ne-waza, ou o ioga, así como diferentes actividades e exercicios de psicomotricidade que se poderán practicar no salón con monitores profesionais.
Outras actividades previstas para esta edición de Megaxove son as competicións de atletismo e minicross, as exhibicións de trampolín e cama elástica, e obradoiros de zumba infantil. Tamén haberá espazo para deportes maioritarios como o fútbol sala ou o baloncesto.
Entre as asociacións participantes destaca a Fundación Cipri Gomes, esta Fundación, que colaborará por quinto ano consecutivo en Megaxove, convoca a multitude de nenos e adultos das 20 escolas deportivas coas que conta nas catro provincias galegas e tamén de Portugal.

Ademais, os xogadores do Clube Ourense Baloncesto achegaranse este luns pola tarde ata Megaxove para asinar autógrafos e sacar fotos entre o público presente..

ABERTO A TODOS

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante a ponte festiva. Aquí poderán atoparse dende inchables, carruseis, ludochán e bebechán, ou xogos populares. Estes xogos tradicionais convivirán coa Ciber Aula e coa Zona de videoxogos.

O Salón da Xuventude serve tamén de plataforma de promoción doutras actividades vencelladas ao lecer e á cultura, por exemplo a Escola Provincial de Danza Castro Floxo impartirá unha exhibición de baile, e a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos impartirá como en anos anteriores o Curso de Baile Tradicional.

Asociacións xuvenís, como Amencer dan a coñecer durante este evento o traballo que realizan ao longo de todo o ano. Estas entidades aproveitarán esta cita para promover a recollida de produtos alimentarios na “Operación Quilo MEGAXOVE” e destinalos ás familias que máis o precisan nestes momentos. Pola súa parte, a Secretaria Xeral para o Deporte e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia colabora coa exposición: “Educación, Deporte e Valores”.

O fomento da solidariedade entre os máis novo e as súas familias continúa coa campaña “Axúdanos a axudalo”, iniciativa promovida polo garda civil ourensán Óscar Castillo que xurdiu para axudar a un compañeiro ferido e acabou converténdose nun proxecto de axuda a familias desfavorecidas. Organizan en Megaxove multitude de actividades e recollen alimentos e xoguetes, ademais de vender lotería de Nadal e camisetas.

Como é habitual nas citas de Expourense, os visitantes que decidan achegarse ata a Ourense en tren poden obter un 35% de desconto en RENFE (inclúe AVANT) que se pode descargar da web. Megaxove, de entrada gratuíta, permanecerá aberto en ata o luns, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. O programa actualizado pódese consultar na web www.expourense.org.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar