Entra en servizo o nó de Sabón, clave para a actividade económica na Coruña

Feijoo, nó Sabon

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en servizo do nó de Sabón, unha infraestrutura “clave” para incrementar o dinamismo económico e social da área metropolitana da Coruña. “O de hoxe é un día realmente agardado polos 50.000 condutores que atravesan diariamente este punto estratéxico nas comunicacións da comarca, e que levaban moito tempo agardando unha solución viaria e ordenada para solucionar os atascos; e agardado polas 100 empresas nas que traballan arredor de 5.000 persoas”, aseverou.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico afirmou que os máis de 11 millóns de euros investidos –dos cales case un millón foron achegados pola Deputación da Coruña- acreditan o compromiso da Xunta. E, ao fío disto, incidiu no obxectivo de dotar a Comunidade Autónoma da solvencia necesaria para garantir o funcionamento dos servizos públicos e realizar as infraestruturas precisas para acadar unha maior rendibilidade económica e social.

O responsable do Goberno galego subliñou, ademais, o traballo coordinado entre as distintas administracións conforme a unha planificación completa das infraestruturas precisas para acadar un triplo obxectivo: vertebrar esta grande área metropolitana; satisfacer as necesidades de mobilidade dos seus case medio millóns de habitantes; e dar resposta ás exixencias loxísticas deste motor económico como é o polígono de Sabón.

Nesta mesma liña, referiuse a outras infraestruturas como a Vía Ártabra, “en cuxa prolongación ata a AP9 estamos xa traballando”; á Terceira Rolda, “que agardamos poida entrar en servizo no primeiro trimestre do ano que vén”; ao tren de alta velocidade; e ao Porto Exterior de Punta Langosteira, “onde a semana pasada iniciamos o contradique para, definitivamente, consolidar un dos grandes portos da fachada atlántica europea”.

Logo de avanzar que este mes se retomarán as obras da autovía da Costa da Morte, Feijóo incidiu en que o Goberno galego está finalizando as grandes infraestruturas que van supoñer “maior competitividade, maior seguridade viaria e maior benestar para a área metropolitana da Coruña”.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, incidiu no esforzo realizado pola Administración autonómica que apostou polo desenvolvemento dunha infraestrutura pequena en lonxitude, pero “dunha importancia estratéxica como poucas”.

Ethel Vázquez salientou que o deseño, cunha solución singular, foi unha decisión na que participaron todos, na que se escoitaron todas as opinións grazas ás múltiples reunións, co fin de dar unha resposta “ás necesidades de todos”. E asegurou que o deseño é o máis eficiente e ofrecerá melloras para os cidadáns aínda máis importantes, posto que a rotonda elevada absorberá un de cada tres vehículos.

A modo de exemplo, aclarou que non só se amplía a capacidade deste nó, senón que tamén se consegue un paso polo que poden circular sen ningún tipo de problema vehículos especiais de ata 8 metros de ancho e 45 metros de longo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar