O libro «Segredos da Catedral» descobre aspectos ocultos do templo compostelán

Libro Secretos da Catedral
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou, xunto co reitor da USC, Juan Viaño, o libro Segredos de Catedral, do catedrático de Historia da Arte José Manuel García Iglesias. A obra está editada polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora.
As primeiras palabras do alcalde na presentación foron para a destacada traxectoria de José Manuel García Iglesias como investigador e docente. Así, explicou que durante estes anos, estudou baixo diferentes aspectos a Catedral de Santiago, este admirable edificio que aínda a día de hoxe nos sorprende polos segredos que garda entre as súas paredes e no que sempre é posible descubrir algo novo».

Ademais do seu labor como divulgador e investigador, que mereceu recentemente o Premio de Investigación Histórica «Domingo Fontán», lembrou as «magníficas» exposicións dirixidas polo autor, como «Galicia no tempo» ou «Galicia terra única».

Sobre a obra, Agustín Hernández apuntou que «vén a ampliar o extenso coñecemento que se ten da Catedral con novas descubertas e reflexións que botan luz sobre aspectos descoñecidos, non só para os visitantes da Catedral, senón para os propios amantes e estudosos do monumento capital de Compostela».

«Nun variado percorrido, seguindo uns elementos nos que moitos apenas reparamos, como son as cruces de consagración que delimitan a planta latina do corpo principal da Catedral, o autor fainos partícipes dunha sucesión de revelacións arredor da orixe e da evolución de moitos aspectos transcendentes», engadiu.

En particular, o alcalde referiuse a partes do libro como a relativas ás reliquias e obxectos que se foron reunindo no templo, atribuídos a Santiago o Maior; ao seu papel de fundador da igrexa e de peregrino e ás mostras da devoción dos distintos monarcas no culto ao Apóstolo.

Un apartado moi especial –subliñou- está referido á presenza de Santiago o Menor, o outro Apóstolo, no interior da Catedral, e a coincidencia e confusión de cultos entre os dous Santiagos dende a chegada da reliquia do fillo de Alfeo en tempos de Xelmírez.

Cuestionamento de versións tradicionais
«A información que se nos vai ofrecendo a través dos distintos capítulos cuestiona versións tradicionais, como a pegada da man no parteluz do Pórtico da Gloria, labrada en mármore do Incio; reflexiona sobre a porta perda da Conga e o destino das súas imaxes; e ofrece novas visións sobre o proceso construtivo da Catedral e a súa metamorfose barroca durante as varias direccións de obra», indicou.

Finalmente, destacou a aproximación do libro á lembranza da peregrinación deixada polos visitantes en forma de imaxes, retablos e textos literarios e tamén aos recordos que levan os peregrinos cando regresan.

En palabras do alcalde, «estamos ante un ensaio que pon de relevo detalles e matices de grande interese, que se escapan á visión e ao coñecemento dunha gran maioría, que axuda incrementar o interese e a valoración da Catedral e que afondan na suxestiva idea de que Santiago é unha Catedral dobremente xacobea, como afirma o propio autor».

Voltar

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar