Mercedes Roson deixa o Concello de Santiago tras a derrota nas primarias do PSOE

Mercedes Rosón_Paco Reyes_Concello Santiago

A concelleira socialista Mercedes Rosón anunciou este martes a renuncia á súa acta municipal, que mantén dende hai case 12 anos, tras perder as primarias contra o voceiro da súa formación no Pazo de Raxoi, Paco Reyes. «É o momento de dar un paso atrás para facilitar o camiño que el empezou onte a percorrer», explicou.

Tras puntualizar que tiña tomada «a decisión» dende que deu o paso de concorrer ás primarias, e que «non ten nada que ver» co desenvolvemento da campaña», Rosón asegurou que a partir de agora seguirá «facendo política», pero no interior da súa agrupación.

«Volvo ser o que son: unha militante de base con vocación de transformar o partido dende dentro», resaltou e, con respecto ao seu futuro político, exclamou: ‘¡Deus proverá!». O que si deixou claro é que no seu ánimo non está volver formar parte do Concello de Santiago, pois agora se reincorporará ao seu traballo na Universidade de Santiago.

Así as cousas, Rosón xustificou o seu «paso atrás» en que «non» concorda co proxecto que o domingo obtivo o visto bo da maioría dos seus compañeiros de filas. «Pero acepto a súa vontade», sostivo, e enmarcou a súa actuación dentro dun marco de «lealdade».

Con todo, expresou a súa intención de evitar «confusión» do seu proxecto co que representa Paco Reyes, toda vez que se trata de visións «diferentes» tamén sobre «o modo de entender a política». Polo tanto, resolveu que a súa «mellor achega» é «deixar espazo libre» a Paco Reyes «para desenvolver o seu proxecto».

Tras indicar que non formalizará ningunha reclamación contra o resultado provisional das primarias, polo que o seu opoñente obtivo 66 papeletas máis ca ela, Rosón indicou que era «bastante previsible».

«A militancia falou e eu asumo a responsabilidade do que dixeron. O terceiro domingo de maio serán outros os que teñan esas responsabilidades», sentenciou, sen atreverse a facer un prognóstico electoral. E é que ela estará dende agora «na retagarda», aínda que traballando para «recuperar a confianza da cidadanía» no PSOE.

Finalmente, concretou que «entre mañá e pasado» presentará a súa renuncia «irrevogable» e que non llelo transmitiu a Paco Reyes. Unicamente, polo que comentou, informou da súa decisión ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen lle trasladou unha mensaxe de «forza» e de «sorte». «O mesmo que desexo eu a Paco Reis», concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar