A Xunta adaptará a sua política de acción exterior ao novo escenario da UE

Rueda_Conde_Consello de Acción Exterior Xunta_na EGAP 1

O vicepresidente, Alfonso Rueda, presidiu hoxe na Egap o Consello de Acción Exterior (CAEX), onde adiantou que a Xunta reformulará as prioridades da súa acción exterior para adaptalas ao novo escenario financeiro da UE, ás novidades lexislativas neste eido a nivel nacional e á necesidade de buscar novos mercados foráneos. Precisamente para explicar este último punto, na reunión tamén estivo presente o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que presentou ao Consello a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

Rueda lembrou que hai catro anos o CAEX aprobou as prioridades de actuación da acción exterior de Galicia pero que desde entón mudou moito a situación. Por iso considerou “especialmente relevante” a reunión do Consello de Acción Exterior e propuxo que a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE adapte a “Axenda de Acción Exterior” galega ás novas circunstancias e presente un novo documento.

Entre as novidades de maior transcendencia para a nosa Comunidade está a aprobación do novo marco orzamentario plurianual da UE para o período 2014-2020, que xa está en vigor. O intenso traballo realizado en Bruxelas fixo que Galicia, pese a ter entrado na categoría das rexións máis desenvolvidas, conseguise unha “rede de seguridade” para este novo período, de practicamente dous terzos do orzamento do que dispoñiamos entre 2007 e 2013.

A nivel estatal, o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación vén de aprobar a Lei da Acción e do Servizo Exterior do Estado, que vai ser seguida en breve pola Lei de Tratados e outros Acordos Internacionais, pendente de aprobación definitiva polo Congreso. Ambas leis abren novas oportunidades de coordinación pero que tamén van condicionar a acción exterior autonómica, polo que se están a estudar as súas implicacións para Galicia.

Igualmente, o MAEC tamén ten remitido á Xunta o borrador da Estratexia de Acción Exterior de España, co obxectivo de que lle facilite as súas achegas. O documento repartiuse a todos os membros do CAEX para que o analicen e realicen todas as alegacións que estimen axeitadas, para incorporalas á resposta integral galega.

IMPULSO Á INTERNACIONALIZACIÓN

Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria avogou por seguir impulsando a saída ao exterior das empresas galegas na procura de novos mercados. Por este motivo, sinalou, a Xunta está a consensuar cos axentes implicados a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que persegue incrementar neste período un 25 por cento o número de empresas galegas exportadoras ata acadar as 8.000.

O obxectivo da Xunta é consolidar o traballo realizado ata o de agora, co obxectivo de que as exportacións continúen medrando para consolidar o crecemento económico, incrementando a súa participación no PIB ata o 40 por cento no ano 2020. O plan desenvólvese a través de 5 eixos de actuación: o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da marca “Galicia Calidade”, e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.

O Consello de Acción Exterior foi creado como órgano de traballo asesor da Xunta de Galicia en materia de acción exterior. Trátase dun órgano colexiado, no que está representada a sociedade civil galega e no que participan os departamentos autonómicos con maior experiencia no ámbito exterior. O obxectivo do CAEX é fomentar o maior consenso social posible na definición das grandes liñas da acción exterior de Galicia, buscando sinerxías entre os diferentes actores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar