“Santiago (é) tapas” comezará o venres

Santiago e Tapas_2014

O Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas da capital de Galicia que se celebrará entre o venres 14 e o domingo 30 de novembro, está vivindo a súa fase previa.

Os distintos establecementos hostaleiros de Compostela que queren entrar no concurso presentan as súas propostas, ata 3, a un equipo de preselección, que é o encargado de asegurar a súa calidade e máis adecuación aos criterios do concurso.

Esta fase previa busca, xa que logo, a excelencia do concurso e, ata o momento, os petiscos presentados permiten albiscar que o nivel é moi alto.

A sétima edición do Santiago(e)Tapas espertou unha grande expectación no sector e son numerosos os locais que entraran por primeira vez neste certame. Malia que as cifras aínda non están pechadas superaranse os 65 participantes dos que cando menos 10 estrearanse.

Dende o 14 ao 30 de novembro os clientes poderán decidir que tapas son as súas favoritas votando nas urnas situadas nos distintos establecementos participantes e aspirar a distintos premios selando o seu tapasporte, a pequena e carismática “biblia” do concurso. Os petiscos terán un prezo común de 2 euros.

Ademais, a través da interacción nas redes sociais twitter@santiagoetapas e facebook.com/santiagoetapas, os internautas poderán optar a ser parte do xurado do concurso.

Santiago(é)Tapas, unha cita consolidada entre os concursos gastronómicos

Santiago(é)Tapas é unha referencia a nivel estatal e galega nas citas deste tipo, por traxectoria, modelo e prestixio dende o 2008. Este será o seu sétimo concurso, no conxunto dos seis anteriores vendéronse máis de 170.000 creacións; de feito, a organización aspira a que neste 2014 se alcance a cifra global de 200.000 petiscos servidos.

Na edición do 2013 servíronse 37.000 tapas nos 66 establecementos hostaleiros que ofreceron 109 creacións. Ademais, 10 locais de hostalaría nocturna ofreceron combinados especiais dentro da oferta complementaria denominada Santiago(é)Noite.

Será unha nova ocasión para percorrer distintas (é)tapas pola cidade, tanto na súa zona nova como vella, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura na que sempre se descobren novos sabores e ambientes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar