Os orzamentos intensifican a aposta polos servizos públicos esenciais

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do orzamento do seu departamento para 2015 e destacou que as contas do vindeiro ano referendan e intensifican a aposta polos servizos públicos esenciais que presta, como a xustiza, a atención ás emerxencias e a loita contra a violencia de xénero.

Na súa intervención, Rueda salientou que na liña xeral dos Orzamentos da Xunta -de compromiso con servizos como a educación, a sanidade ou os servizos sociais- na Vicepresidencia volveuse reducir o gasto interno e a incrementar o investimento en xustiza, en emerxencias e en igualdade. “No benestar dos galegos”, resumiu o número dous do Goberno galego.

Máis recursos humanos en Xustiza

Nese sentido, explicou que o vindeiro ano mantense o compromiso coa Xustiza e farase un esforzo orzamentario de máis de 120 millóns de euros, o que supón un incremento de preto do 6 por cento respecto ao actual exercicio.

Así, vanse reforzar os fondos para recursos humanos no eido xudicial, con máis reforzos nos xulgados galegos, unha Nova Oficina Fiscal que nos coloca á cabeza das autonomías; e a consolidación de prazas forenses no Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Ademais, a Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tamén continuará co seu compromiso investidor coas infraestruturas xudiciais das principais cidades galegas, onde seguimos a facer fronte aos compromisos adquiridos, acompasando as anualidades ao importe e o ritmo de execución das obras.

Incremento de medios en emerxencias

En materia de emerxencias consolídase un modelo público de cooperación entre administracións no que agora vaise realizar un esforzo na dotación de medios e na mellora dos servizos. No seu conxunto, os recursos destinados ás emerxencias e seguridade suman máis de 33 millóns de euros, un 72 por cento máis que neste exercicio.

A través deste incremento, reforzaranse os consorcios de bombeiros e os GES e se habilitará, entre outras, unha nova partida de 5,6 millóns de euros para dotar de novos medios para a prevención e xestión dos riscos máis habituais no noso territorio. Tamén se porá en marcha o novo edificio do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, un centro “modelo” que concentrará na Estrada todos os esforzos nesta materia.

Loita contra a violencia de xénero a todos os niveis

En canto á Igualdade, o ámbito da violencia de xénero vaise ver reforzado a todos os niveis e a partida orzamentaria destinada a apoiar as mulleres que sofren esta lacra aumentará un 17 por cento o vindeiro exercicio. Esta medida permitirá aumentar as axudas periódicas ás vítimas e seguir mantendo a rede de acollemento galega e os programas de atención psicolóxica. Tamén se creará un programa específico para a capacitación, orientación e inserción laboral das vítimas, co obxectivo de fortalecer a súa integración e independencia.

Ademais, unha das marcas de identidade dos orzamentos da Vicepresidencia será a colaboración coas entidades locais no ámbito da promoción da igualdade e a prevención da violencia. O ano que vén estes recursos experimentan un incremento de case o 10 por cento, o que permitirá, entre outras actuacións, renovar o equipamento dos Centros de Información á Muller e das casas de acollida das entidades locais.

Apoio ás entidades locais

Precisamente, o apoio aos entes locais é outro dos puntais das contas públicas da Xunta en 2015 e ademais de blindar o seu financiamento –mantéñense os 113 millóns do Fondo de Cooperación Local- tamén se blindan os servizos que prestan á cidadanía. Como novidade, o vindeiro ano implantarase unha nova liña de actuación dotada de dous millóns de euros para construción e mellora de equipamentos municipais, o que supón máis fondos para ampliar servizos básicos dos concellos, priorizando especialmente aos concellos do rural.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar