En Sanidade supoñen un 40% da capacidade de gasto da Xunta

Conselleira Sanidade_comparecencia Presupostos
Os orzamentos de Sanidade para 2015 son os primeiros que medran desde 2009, ata acadar un total de 3.410,27 millóns de euros, e supoñen o 40,4% da capacidade de gasto da Xunta de Galicia. Aumentan 11,6 millóns de euros, algo máis da cuarta parte do que aumenta o conxunto da Xunta, 44,9 millóns. Isto implica que o gasto por habitante será de 1.241 euros, fronte aos 1.228,5 euros de 2014.

Así o anunciou hoxe no Parlamento a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, quen salientou o compromiso en infraestruturas sanitarias estratéxicas, e indicou que ademais das partidas dotadas nos orzamentos iniciais para o exercicio 2015, a execución das actuacións programadas incrementarase a través das incorporacións de fondos procedentes dos remanentes de crédito correspondentes a fondos dotados na súa totalidade no exercicio 2014.

 

O investimento conxunto para infraestruturas será de 151 millóns de euros, entre os que destaca o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que se porá en funcionamento en 2015. Finalizarase a obra e procederase á súa dotación, tanto de material xeral como clínico, para o que está previsto un investimento de 39,1 millóns de euros.

Ademais, continuarase co proxecto de reforma e ampliación do CHUAC (7,3 millóns de euros); proseguirase a construción do novo edificio de hospitalización do CHUO (22 millóns de euros); realizarase a obra de reforma e ampliación do Hospital do Salnés (5,4 millóns de euros); e seguirase coa tramitación para licitar o novo hospital de Pontevedra.

A isto hai que engadir a reforma e ampliación do Hospital de Burela, cunha previsión de gasto en obras dun millón de euros en 2015, e do que tamén está previsto rematar o proxecto construtivo do plan director que permita licitar as obras da primeira fase; retomar as actuacións correspondentes ao plan director do Hospital Universitario de Ferrol; dedicar 1,4 millóns de euros á modernización da dotación de tecnoloxía médica e de comunicación nos centros de saúde; e continuar coa construción de 15 novos centros de saúde, cun investimento previsto no ano 2015 de 20,3 millóns de euros.

Novas axencias e TIC
Segundo avanzou Mosquera, en 2015 poranse en funcionamento dúas novas axencias, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que terán como obxectivo a integración de actuacións actualmente dispersas, fomentando a modernización e xestión eficiente de recursos.

Tamén se continuará coa incorporación de novas tecnoloxías á práctica asistencial, fomentando a telemedicina e a atención non presencial e en rede. Actualmente acceden á historia clínica electrónica 14.700 profesionais ao día, cun total de 114.000 accesos ás historias clínicas ou imaxes dixitais; realízanse 220.000 dispensacións electrónicas, con 1.358 farmacias conectadas; escríbense 83.000 anotacións (95% de índice de escritura en hospitais e centros de saúde); e 120 cidadáns consultan diariamente parte da súa historia clínica en Internet (informes de alta, vontades anticipadas, folla de medicación activa e plan de dispensacións).

Promoción e prevención da saúde e atención sociosanitaria
No eido da promoción da saúde e prevención da enfermidade, Mosquera resaltou os programas de vacinación e cribado, aos que se dedicarán case 13 millóns de euros. A conselleira lembrou que Galicia participa no concurso centralizado de compra de vacinas que, xunto a outras medidas de eficiencia, permite o mantemento e a cobertura do Programa de Vacinación cun menor custe.

En 2015 seguirase potenciando a utilización das tecnoloxías da información con iniciativas como a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, Xente con Vida ou o Plan Xermola. No que se refire ao Programa de Detección Precoz de Cancro de Colon, tras a avaliación do proxecto piloto de cribado en Ferrol estenderase progresivamente a toda Galicia, empezando por Ourense.

Polo que respecta á prevención das drogodependencias e do VIH, mantense a colaboración coas asociacións e ONG que traballan neste eido a través das axudas en concorrencia competitiva; mantense a convocatoria para a prevención dirixida a actividades desenvolvidas dende os concellos; e dotarase ao convenio coa FEGAMP para asistencia e prevención das drogodependencias con máis de 3 millóns. En conxunto, no orzamento dedícanse a programas de saúde mental, drogas e aspectos sociosanitaros 11,4 millóns de euros.

Asistencia, accesibilidade, cronicidade, calidade e seguridade de pacientes
A titular de Sanidade indicou que ao longo dos últimos exercicios introducíronse medidas no sistema como a implantación da xestión integrada, a xestión por procesos, a protocolización dos criterios de priorización nas listas de espera ou a implantación das vías rápidas, entre outras. Isto permitiu mellorar os indicadores de produtividade e rendemento, e no sistema sanitario galego (con 14 hospitais, 493 centros de saúde e 90 PAC) realízase anualmente unha grande actividade: 25 millóns de consultas en centros de saúde; 4,2 millóns de consultas nos hospitais; 187.000 intervencións cirúrxicas; 1 millón de urxencias hospitalarias; 1,4 millóns de urxencias en PACs; e 60 millóns de receitas farmacéuticas.

Neste entorno, a Lei de Garantías é un instrumento que vai impulsar a transformación do sistema dando á cidadanía maior capacidade de decisión, protagonismo e garantías, e nos próximos meses desenvolveranse os decretos derivados dela. A conselleira sinalou tamén a importancia da estratificación de pacientes, que vai permitir que os profesionais deseñen un seguimento personalizado daqueles máis vulnerables e fráxiles, e a aposta decidida do seu departamento por un Plan integral de calidade para todos os centros do Sergas e pola cultura da seguridade do paciente.

Aposta polos profesionais
Mosquera salientou así mesmo que do orzamento case o 44% (1.465,8 millóns) están destinados aos profesionais. No eido dos Recursos Humanos, indicou que se rematará a toma de posesión da última OPE e continuarase co desenvolvemento da OPE doutras categorías profesionais; desenvolverase o Plan de Ordenación de RRHH do Sergas; e avanzarase na prevención de riscos laborais e na prevención da violencia no ámbito laboral. Ademais, seguiranse incorporando as novas tecnoloxías á xestión dos recursos humanos, entre as que a implantación do expedient-e foi un paso fundamental.

Medidas de xestión eficiente
Mosquera avogou por continuar traballando no bo uso dos recursos farmacoterapéuticos, aos que a pesar de todas as medidas tomadas nos últimos anos aínda se dedican 922 millóns de euros. Para iso, continuarase coas boas prácticas de prescrición, establecendo e divulgando criterios de uso racional do medicamento cara a pacientes e profesionais; continuarase traballando no Programa de polimedicados; seguirase a monitorizar a adherencia terapéutica; e tentarase evitar que os domicilios dos galegos sigan a ser depósitos de medicamentos sen utilidade.

Tamén apostou por mellorar a eficiencia do gasto corrente, ao que se destinan máis de 865 millóns, potenciando medidas xa en marcha, como a plataforma loxística e a central de compras ou o Plan Integral de Eficiencia Enerxética. En canto aos investimentos produtivos, no orzamento do 2015 increméntase o capítulo VI ata os 126 millóns para dedicar a investimentos produtivos que á vez de contribuír a modernizar as infraestruturas axuden a dinamizar a economía galega.

Así, no que atinxe á posta en funcionamento do novo hospital de Vigo, ademais do orzamento na infraestrutura investiranse máis de 39 millóns de euros adicionais para o seu equipamento. En conxunto, entre os centros de atención primaria e hospitalaria, dedicaranse máis de 43 millóns de euros a equipamentos, o que mellorará a capacidade e a calidade da atención e contribuirá á construción dun entorno de traballo seguro e incentivador para os profesionais. No que a equipamento informático se refire, disporase dun orzamento de 27,4 millóns de euros.

Por último, en 2015 finalizaranse os grandes proxectos innovadores H2050 e InnovaSaúde, dotados en conxunto con 90 millóns de euros do Fondo Tecnolóxico, co cofinanciación FEDER 80%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar