Morre a xornalista e escritora Begoña Caamaño

 

Begoña Caamaño

A xornalista da Radio Galega Begoña Caamaño faleceu onte en Santiago, vítima dunha longa enfermidade. Nacida en Vigo en 1964, xunto ao seu labor profesional tamén destacou como novelista e como loitadora polos dereitos da muller, dos traballadores e dos máis desfavorecidos.

Foi na radio onde desenvolveu a meirande parte da súa carreira, sobre todo, en informativos e cultura, pero tamén se valeu da prensa para falar e amosar o seu pensamento sobre os problemas político-sociais, sempre desde unha visión feminista e nacionalista.

Comezou a súa andaina en Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Na súa cidade tamén foi correspondente da Axencia Galega de Noticias e do diario madrileño «El Sol», xa desaparecido. Colaborou en «A Nosa Terra», «Novas da Galiza» e «Tempos» así como nas revistas feministas «Festa da Palabra Silenciada» e «DeLiberadaMente». Tamén estivo no consello de redacción da revista antimilitarista «Ar!».

A súa chegada á Radio Galega produciuse en 1989, cando se integrou na delegación de Vigo, para pasar tres anos despois á central da emisora en Compostela. Alternou etapas nos servizos informativos con outras en programas como «Diario Cultural», «Andando a Terra», «Club Cultura» e «Expreso de Medianoite».

Comprometida tamén coa loita sindical, Begoña Caamaño formou parte do comité de empresa da Radio Galega representando a CIG e mesmo ocupou o cargo de presidenta do Comité Interempresas da CRTVG. Pero o seu carácter reivindicativo abarcaba todos os ámbitos da vida, colaborando con proxectos sociais, políticos e culturais.

En marzo de 2012, a enfermidade obrigouna a deixar a súa actividade laboral, pero non renunciou ao mundo das palabras. Así Begoña enfrontou o cancro coa mesma serenidade e forza coa que vivira día a día e comezou a escribir a súa segunda novela: «Morgana en Esmelle».

Lectora apaixonada dos clásicos e dos narradores e narradoras contemporáneas, tamén nesta obra revisa os mitos gregos como xa fixera en «Circe ou o poder do azul» de 2009. As dúas novelas publicadas por Galaxia. «Morgana» valeulle o premio Nacional da Crítica 2012, que concede a Asociación Española de Críticos Literarios,  e tamén o Ánxel Casal e o Losada Diéguez en 2013.

Valoraba os galardóns porque -dicía- «incitan á lectura dos libros, que é o máis importante». «Non sabería nin querería escribir doutro xeito que dende o galego e dende o feminino: eu son muller galega», afirmaba.

A noticia do pasamento de Begoña Caamaño causou fonda conmoción entre os seus compañeiros e compañeiras da CRTVG.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar