Hai que ser un pouco corruptos…

“Hai que ser un pouco idiotas, senón aprovéitanse e sono eles sós”, así comezaba hai tempo un programa de radio. A frase, que semellaba unha arroutada, convertíase en toda unha radiografía social.

No fondo, non é moi diferente aquela afirmación do ministro socialista Carlos Solchaga cando sentenciou que “España é o país europeo onde é máis fácil facerse rico”… E os libros de “autoaxuda” que escintilaban nas súas portadas que o que non se convertía en millonario era porque non quería, vendéronse por centos de miles.

Nese tempo, houbo moitos que se fixeron ricos, moi ricos a toda presa, e os que xa eran ricos aínda máis potentados. A sociedade, na vez de preguntar de onde viña ese diñeiro, tomounos como exemplos, coa inestimábel axuda dos medios de comunicación, das universidades que os declaraban doutores, e, xa non digamos, dos partidos políticos que andaban a rapañotas. Afórrolles a lista para non ocupar espazo. Si, a corrupción tiña até de agora o beneplácito da maioría social que, mesmo, apoiaba nas urnas aos condenados por enriquecemento ilícito.

E cando alguén se atrevía a denunciar publicamente uns feitos constitutivos de delito, podía atoparse que fose el o encausado, por exemplo, por desacato a autoridade do alcalde Paco Vázquez. Ou cando era un empresario o acusado, atoparse cun presidente da Audiencia de Pontevedra desprezase os feitos e probas, e condenase ao xornalista por inxurias, pois o denunciante “ten unha familia cristián e vostede é un terrorista da pluma”.

Anda agora a cidadanía a preguntarse polas causas desta corrupción intrínseca. Hainos que, para explicala, afirman que ten moito que ver coa relixión, co catolicismo dos pobos do sur da Europa, fronte ao protestantismo do centro e norte. Son os que queren fuxir das razóns políticas.

Seguramente as causas están máis preto no tempo: no Estado español non se superaron aínda as estruturas sociais do franquismo, ao que a corrupción lle era inherente, como en calquera ditadura.

Polo demais, o Código Penal e a Lei de Enxuizamento Criminal, substancialmente son os mesmos para estes delitos que na ditadura. A súa rede “colle aos peixes pequenos e deixa fuxir aos grandes”, cantaba o pobo. Na Galiza, existiu outro factor que axuda a asumir esas corruptelas: o caciquismo. Cando moitos gaben a Transición déanse conta que non foi tal e como no la pretenden contar. Permaneceron as vellas estruturas sociais e políticas e os que pactaron co vello Réxime dixeron aquelo de que “hai que ser un pouco corruptos, senón aprovéitanse e sono eles sós”.

Pero nin todos entraron no pacto, nin todos son corruptos, nin todos somos cómplices.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar