Homenaxe a 41 profesores xubilados en Ourense

Vázquez_Rosendo_homenaxe a mestres ourensáns no Principal

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe na homenaxe aos Docentes organizada polo sindicato Anpe Ourense en colaboración co colectivo ‘O defensor do profesor’ , o papel “das e dos profesionais do ensino no progreso colectivo”. Estas foron as primeiras verbas do conselleiro nun acto no que se rendeu homenaxe a 41 profesores que acaban de xubilarse na provincia de Ourense tras unha vida de dedicación ao alumnado.

No decurso do acto, que tivo lugar no Teatro Principal da cidade da Burgas, o titular do departamento educativo da Xunta quixo “poñer de relevo o papel das persoas que dedican a súa vida á docencia, cun labor que todos sabemos longo e paciente, para transcender o presente e levarnos ao noso futuro como pobo”. Na súa intervención, Vázquez Abad aproveitou para expresar o compromiso do Goberno da Xunta cos docentes, que se plasma en iniciativas concretas como “o recoñecemento social do profesorado e a súa consideración como autoridade”.

Así mesmo expuxo que un dos piares da calidade do ensino é a formación do profesorado de xeito que os docentes dispoñan “das competencias, os coñecementos e o apoio que lles permitan satisfacer as distintas necesidades de aprendizaxe da cada neno e nena de hoxe”. A este respecto o conselleiro lembrou que o Plan de Formación do profesorado para o presente curso aposta por potenciar a formación en rede do profesorado, a mellora da competencia lingüística e a formación específica na función directiva, entre outras accións. Non obstante Vázquez Abad matizou que o Plan de Formación “é un organismo vivo, que se enriquece e se multiplica ao longo do curso escolar”.

A día de hoxe, preto de 8.500 docentes participan en actividades de formación personalizada nos seus centros mediante plans de formación propios, grupos de traballo e seminarios, o que supón un 10% máis que no ano anterior. Ademais, uns 623 centros educativos contan con algunha figura de formación personalizada. Para Vázquez Abad, estes datos “animan” a seguir traballando nesta liña.

Recoñecemento ao labor dos galardoados
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dirixiuse aos 41 profesores galardoados no acto, aos que lles transmitiu a súa “admiración e recoñecemento” pola súa entrega ao longo da traxectoria profesional de cada un dos presentes.

A benvida ao acto correu a cargo do presidente nacional de ANPE, Nicolás Fernández Guisado, e Fernando del Pozo, presidente da Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia, foi o encargado do relatorio maxistral inaugural do curso 2014/2015, mentres o que o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, clausurou a xornada.

A homenaxe completouse coa entrega por parte das autoridades a cada un dos docentes xubilados na provincia dun orixinal da obra escultórica “Homenaxe ó Docente” do escultor galego Arturo Andrade, en mostra de recoñecemento polos anos de dedicación profesional no Ensino Público. Ademais tamén se nomeou a Camilo Loureiro como Docente Exemplar 2014. Para rematar tivo lugar unha actuación musical a cargo dos departamentos de Canto e de Vento e Madeira do Conservatorio Profesional de Ourense, composto polos profesores Santiago Comesaña (Clarinete), Aurora Francés (fagot), ademais de Esteban Vaquero (oboe) e Ana Docampo como directora artística.

Con esta celebración, a Consellería recoñece o labor e dedicación dos docentes en prol da mellora da calidade do sistema educativo galego e da formación dos futuros cidadáns da Galicia do futuro. No transcurso do mesmo obsequiouse aos homenaxeados cunha placa conmemorativa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar