Rítmos latinos, hoxe, no Womex 2014

 

Album do Womex en Santiago

Hoxe, sábado  remata o programa de Womex 14 aberto ao público na Cidade Vella, aínda que o domingo terá lugar a ceremonia de clausura para profesionais. Na noite deste sábado, a Praza da Quintana vibrará cos ritmos latinos de Orkesta Mendoza ou Troker, os sons de raíz tradicional galega de Davide Salvado, ou desde o Caribe con Tribu Baharú, a mestizaxe de Ester Rada ou a electrónica de Bostich + Fussible de Nortec Collective.Womex

Sábado 25

Selección Oficial

Praza da Quintana

21.00. Orkesta Mendoza. Sergio Mendoza lidera unha das mellores bandas de música latina de hoxe en día. El e a súa orquestra xeran unha febril enerxía e ofrecen unha aproximación aos sons clásicos do mambo e a cumbia. O nativo de Nogales, Sonora, fíxose un nome como multi instrumentista con grupos como Calexico, Devotchka, e Mexican Institute of Sound. Na orquestra figura tamén o vocalista Salvador Durán, que fixo un dúo con Willie Nelson en “Senor” no biopic de Bob Dylan I’m Not There, e que actuou con Neko Case, Iron and Wine e Glen Hansard. Tamén farán bailar ao público da Quintana a vihuela (guitarra mariachi), guitarra “lap steel”, trompetas mariachis e saxo barítono, ademais dunha importante sección de percusión. A banda percorreu Europa e os EUA co seu primeiro álbum Mambo Mexicano (Cosmica Records, 2012).

http://ylaorkesta.com/

21.45. Troker é unha banda de son poderoso, que fai “jazz cun groove de hip hop e funk, que ao final queda destruído polo rock no escenario”. Compóñeno Samo González (contrabaixo), Frankie Mares (batería), Gil Cervantes (trompeta), Christian Giménez (piano), “El Tiburón” Santillanes (saxofón) e DJ Zero (na mesa de son). Alén de seren un grupo musical, Troker preocúpanse pola súa comunidade, por xeraren industria e participaren no desenvolvemento da escena musical do seu país. Contan con programas educativos e sociais, dirixidos a distintos públicos, e traballaron en conxunto con artistas plásticos, cineastas e publicistas.

http://troker.com.mx/

22.30. Davide Salvado (Marín, 1981) é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas galegas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas as mulleres que foi atopando na súa pescuda, aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais, a fía, a cestaría, a agricultura, o respeito á terra e á lingua, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.
No 2004 entra a formar parte, xunto a Ugia Pedreira (Marful), Ramom Pinheiro e Richard Rivera, do grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Xosé Manuel Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret. Así formou xunto a Pepa Yáñez a compañía Cabaret d’Aquí. Tamén no teatro foi parte do elenco de As Dunas do Centro Dramático Galego, e do musical Dillei, de Carlos Blanco. Na actualidade, é voz da Banda das Crechas, grupo residente da mítica Casa das Crechas, coa que gravou o seu disco homónimo. Davide ten ademais colaborado en varios traballos discográficos, como Arrolos de Salitre de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, Na lingua que eu falo de Najla Shami ou Galiza de Kepa Junkera.
No 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, producido por Eliseo Parra, que vai xa pola súa terceira edición. Davide está a presentar agora O Ladrón de Amorodos, o seu novo espectáculo a trío xunto ao acordeonista Santi Cribeiro (Berrogüetto) e o percusionista e gaiteiro Cristian Silva.

https://www.facebook.com/oladrondeamorodos

23.15. Tribu Baharú. É un combo afro-champetúo de músicos do Caribe colombiano, influenciados por ‘El Picó’ (Sound System) “e toda a súa música brava”, unha cultura con máis de seis décadas de traxectoria en Colombia, tendo como epicentro as cidades de Barranquilla e Cartaxena. Instrumentalizan a música en vivo, sen perderen a particularidade da performance da escena “picotera” que se vive nos bailes de “verbena” (festa popular do barrio), xerando un estado emocional nos bailadores coñecido como “Goce Champetúo”, coa música que pariron os fillos dos negros africanos traídos a América: La Champeta, termo que fai alusión a un coitelo que utilizan os pescadores para quitar as escamas do peixe. Esta música de pescadores que recibe influencias do Soukous congolés, Soweto, Zouk, Calipso, Soca, Kompa Haitiano e o Reggae é a materialización máis urbana da nova música colombiana.

http://tribubaharu.wix.com/champeta

00.00. Ester Rada. O son de Ester Rada, cruzamento de culturas, reflicte fondamente a súa herdanza de israelí nacida en Etiopía. O feito de medrar nunha relixiosa familia xudía, en máis que modestas condicións, en Israel, deulle a Rada a capacidade de cambiar a súa vida e desenvolver o seu soño de se dedicar á música. A crítica describe a súa mestura de xéneros coma unha “grácil combinación de Ethio-Jazz, Urban-funk, Neo-Soul e R&B, con mestura de voces baixas e ritmos negros”. Ester realizou o seu álbum de debut, despois de realizer o seu primeiro aclamado EP, escrito e composto por ela mesma, e titulado Life Happens , producido polos israelís Kuti (Kutiman/Thru-You) e Sabbo (Soulico), a comezos do 2013. Nel mestúranse as letras en inglés e amhárico, lingua semítica sudoccidental. Con fortes influencias de mulleres poderosas do soul do século XX (Nina Simone, Ella Fitzgerald, Aretha Franklin…) e gran aprecio por moitas divas negras contemporáneas, coma Eryka Badu, Lauryn Hill, e Jill Scott, Rada achega unha nova voz ao soul.

http://www.esterrada.com/

00.45. Bostich + Fussible from Nortec Collective. O grupo de música electrónica e norteña Nortec Collective formárano en Tijuana no 99 Bostich, Clorofila, Hiperboreal e Fussible. Ramón Amezcua comezara a traballar como Bostich no 88, realizando o álbum Elektronische (1994) no selo Opción Sónica, mentres Pepe Mogt comezou como Fussible no 97, realizando o álbum Fono (1999) tamén en Opción Sónica. Antes de traballar como Fussible, Mogt foi membro da banda industrial Artefakto, que realizou os álbums Des-Construcción (1993), Tierra Eléctrica (1995), e Interruptor (1997) en Opción Sónica. Amezcua e Mogt traballaron xuntos desde o 99 no Nortec Collective. Desta metamorfose aparece hoxe a produción Tijuana Sound Machine e Bulevar 2000, de Bostich e Fussible (Ramón Amezcua e Pepe Mogt). Nortec fusionara a electrónica coa música popular do norte mexicano, para conseguir un son único, que xa se converteu nun emblema musical non só da fronteira, senón dunha xeración enteira.

https://www.facebook.com/nortecbf/info

Máis concertos e cine na Cidade Vella

Para estes concertos da Quintana hai unha entrada individual (20 euros anticipada, 25 euros na propia billeteira), que se pode obter no Teatro Principal de 18.00 a 23.00 ou na billeteira da propia Quintana de 20.30 a 00.00. Tamén se poderá asistir a eles co bono de 55 euros para os tres días (23, 24 e 25), que tamén permite o acceso aos outros concertos abertos ao público:

No Auditorio Abanca poderase ver, tamén dentro da Selección Oficial, á camerunesa Kareyce Fotso, a presentar o seu novo álbum, “Mokte, mergullando ao público nun universo sonoro e visual moi humano e, desde logo, feminino. Ela canta con amor e humor sobre a diferenza, a dor, o exikio, as relacións entre homes e mulleres, a violencia e as turbulencias de calquera tipo; Lula Pena, cunha voz entre Tom Waits e Leonard Cohen, pero feminina, admirada entre outros por Caetano Veloso e Rodrigo Leão, e unha das máis grandes cantantes nacidas en Portugal, pero cultivada no mundo; e Söndörgő, un dos grupos máis interesantes e activos de “world music” en Hungría. Tocan un estilo de música atractivo, pero descoñecido e bastante diferente do repertorio húngaro tradicional. O seu obxectivo é preservaren e fomentaren as tradicións eslavas do sur, de serbios e croatas asentados en Hungría.

Remata ademais no Teatro Principal o Atlantic Connections, coa agrupación catalá Calima, candidata aos premios Grammy latinos na categoría de mellor álbum de flamenco no 2007; o grupo brasileiro Sertanília, que rescata a tradición na producción dunha música universal, inspirada nas diversas manifestacións culturais do “sertão”; e a arxentina La Yegros, cos seus tons de cantos indíxenas do Amazonas mesturados coa onda relaxada dunha rapeira chic. O seu primeiro disco, “Viene de Mí”, amosa variadade de influencias que mesturan música tropical, folklore, reggae, dancehall, soul, e música árabe.

O offWOMEX despide o Salón Teatro con Nordic Club, unha proposta que aglutina o máis interesante da escena musical do norte de Europa: Dreamers’ Circus (Suecia/Dinamarca), co seu percorrido polo folk escandinavo; o noruegués Gjermund Larsen Trio, liderado por un dos máis talentosos violinistas novos da escena da música folk norueguesa, que por veces se ten aventurado noutros xéneros coma a improvisación de jazz; e Tarabband (Iraq/Exipto/Francia/ Suecia), que presenta música árabe moi influída por outros estilos musicais; folk do medio este e norteño, música tradicional, jazz, persa e latina, resultando no seu propio son orixinal e as súas composicións.

E para rematar o sábado, na Sala Capitol o DJ Summit xuntará ao francés Greg de Villanova, que pincha un amplo espectro dentro da música caribeña, africana, ritmos latinos e brasileiros, tanto en vinilo coma en formato dixital; Den Sorte Skole (Dinamarca), un colectivo fundado por Simon Dokkedal, Martin Fernando Jakobsen, que traballa en Turning Tables (ONG polo empoderamento de xuventude marxinalizada a través da música e a expresión creativa) e Martin Højland; e Marlon Silva, máis coñecido por Dj Marfox, fillo de pais inmigrantes de orixe são-tomense, que viviu a súa infancia nun suburbio ás portas de Lisboa, o que desenvolve un importante papel no seu discurso sobre a música electrónica e africana.

Ademais de todos estes concertos, por primeira vez este ano, WOMEX abre ao público parte da programación cinematográfica, proxectando tres filmes no CGAC coa entrada gratuíta ás seis da tarde do xoves, venres e sábado. Pecha a programación “From Berlin to the world” Journey to Jah. Coprodución suízo-alemá dirixida por Noël Dernesch e Moritz Springer e rodada entre Xamaica, Suíza, Alemaña e Italia, do 2007 ao 2013. Eles dous, onda o cámara Marcus Winterbauer (Rhythm is it), pasaron sete anos a gravaren dous artistas de reggae: Gentleman (Alemaña) e Alborosie (Italia), na súa busca da autenticidade, lonxe da sociedade de consumo occidental, na terra do rastafari e o reggae.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar