Womex:Expertos europeos celebran hoxe na Radio Galega unha xornada adicada a músicas do mundo

Xornadas Womex Radio Galega

A Radio Galega acolleu hoxe unha xornada do grupo Euroradio, dedicado a músicas do mundo, por parte de expertos procedentes das emisoras de radio públicas integradas na Asociación Europea de Radiodifusión, coñecida tamén como EBU ou Eurovisión. O evento organízase con motivo do festival internacional Womex, que se desenvolve en Santiago e reúne nas instalacións do ente público galego en San Marcos varias ducias de profesionais, que foron recibidos pola xefa de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro, e polo director de Comunicación da CRTVG, Fernando R. Ojea. Ambos explicaron o significado da música na cultura galega e como a emisora pública contribúe a potenciala.
Os membros do grupo Euroradio están a tratar temas de actualidade sobre a evolución das músicas, cunha especial atención a esta expresión artística nos colectivos de refuxiados. Por este motivo, realizaron desde San Marcos unha videoconferencia cun campo de refuxiados sirios en Turquía.
Na xornada tamén se abordaron outros aspectos como a diversidade cultural. O arpista Rodrigo Romaní fixo unha aproximación ao panorama cultural de Galicia e interpretou unha alborada co seu instrumento. A tradición musical galega é moi popular, e citou a Sondeseu e Treixadura. Preguntado polas conexións entre as músicas celtas, indicou que a Galicia chegou no século XIX pero hoxe en día funciona de tal xeito que “un galego pode chorar ao escoitar unha gaita irlandesa en Nova York”.
No encontro tiveron lugar intervencións de 22 relatores, procedentes de 15 nacionalidades distintas, incluíndo unha peza musical por parte dunha intérprete tradicional da India.
O evento é o resultado do acordo de colaboración da CRTVG co festival Womex, no que o ente público galego actuará como “media partner” (medio asociado), o que implica outras actividades como a presenza permanente dun estudio móbil da Radio Galega na sede central do Festival, na Cidade da Cultura, polo que está previsto que pasen expertos de moitos países do mundo, e amplas coberturas da emisora e da Televisión de Galicia. O sábado 25, de 09.30 a 12.00 h., a RG fará in situ o seu magazine matinal “Somos quen”, dirixido por María Xosé Rodríguez.
Womex é un encontro profesional global, cunha ampla axenda de concertos para o público, que terá lugar do xoves a domingo en Santiago, estando previsto que asistan 2.500 delegados internacionais. A súa actividade feiral concentrarase na Cidade da Cultura, mentres que as actuacións terán lugar en diversos puntos de Compostela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar