Galaxia ponen en marcha o novo proxecto editorial Mar Maior

Mar Maior_Galaxia_Madrid_3

Unha Casa do Lector chea de público acolleu onte á noite a presentación do novo proxecto editorial Mar Maior, que quere lanzar ao mundo, na era da globalización, a cultura galega na súa máis ampla dimensión, clásicos e contemporáneos. “A cultura galega non é unha cultura local”, insiste Víctor F. Freixanes, director xeral do proxecto, “todo o contrario, forma parte da construción de Europa desde hai máis de mil anos (o Camiño de Santiago, o románico, as Cantigas) e participou activamente na construción de moitas repúblicas americanas desde o século XIX”. “Hai máis de 280 asociacións galegas activas no mundo e alí onde hai un galego ou unha galega consciente do seu está Galicia”, lembrou Freixanes. “Galicia ten moito que dicir”, rematou, “e de ningunha maneira quere encerrarse en si mesma”. Mar Maior nace coa vontade de axudar a que a cultura galega poida dialogar e competir en pé de igualdade con outras culturas, linguas e mercados.

Mar Maior é un selo de Editorial Galaxia, que con 64 anos de historia e máis de 4.000 títulos en catálogo, 1.000 deles vivos, posúe un fondo editorial no que se atopan as obras máis representativas da literatura galega. O proxecto, que traslada a outros idiomas e mercados unha coidada selección de títulos, presentouse en setembro no Instituto Cervantes de Bruxelas e conta desde o pasado mes de agosto cunha filial en Buenos Aires. Pronto chegará tamén a Montevideo, México, São Paulo e Salvador de Baía. Mar Maior traballa, asimesmo, nunha liña de coedicións para o francés, alemán e inglés.Mar Maior_Galaxia_Madrid_4

Para este primeiro lanzamento para o mercado estatal, Mar Maior seleccionou catro textos clásicos de Álvaro Cunqueiro: El año del cometa, Flores del año mil y pico de ave, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca e Tertulia de boticas prodigiosas. En todos eles establécese, ademais, un diálogo entre o texto de Cunqueiro e un autor galego contemporáneo. Ángel Basanta, presidente da Asociación de Críticos de España, destacou onte o enorme interese destes epílogos e lembrou tamén a importancia dos textos inéditos de Emilia Pardo Bazán, que se publican baixo o título de Cuentos para las Américas. Finalmente, Basanta asegurou que Mar Maior é un proxecto que “contribúe a que as distintas sociedades de España se coñezan, dialoguen e se entenda desde a cultura”.

Mar Maior seleccionou tamén para este primeiro lanzamento tres obras contemporáneas que xa conquistaron a crítica e o público galego:

A vida e a obra de Xulia Alonso danse cita en Futuro Imperfecto, un libro que destila sinceridade, valentía, honradez narrativa e autenticidade. Unha crónica personalísima da xeración dos 80, dos seus descubrimentos e das súas consecuencias: o amor, a amizade, as drogas, o VIH, a SIDA… Xulia Alonso destacou ante o público asistente á presentación o carácter de “legado” para a súa filla que ten o libro e declarouse “satisfeita e orgullosa” do resultado, que “conta a loita fermosa pola vida do meu compañeiro, que tantos anos despois de morrer está vivo porque está nestas páxinas”.

Santiago de Compostela, Barcelona, Nova York e unha Europa convulsa durante a Segunda Guerra Mundial son os escenarios de Laura no deserto, unha historia sobre a memoria, a culpa, o amor e a liberdade que se fixo, entre outros, co Premio da Crítica Española 2011. O seu autor, Antón Riveiro Coello, destacou o espírito transoceánico da novela e lembrou que historias como esta poden ser lidas en calquera momento e lugar, porque falan de emocións comúns, globais.

 

Mar Maior_Galaxia_Madrid

O terceiro título contemporáneo é Circe ou o pracer do azul, a primeira novela da xornalista Begoña Caamaño, que relata unha parte nunca antes contada da historia de Circe e Penélope, dúas mulleres poderosas que tecen a catro mans unha relación epistolar tan imprevisible como apaixonante e reescriben así a súa historia, que é a historia da cultura europea e occidental.

Xunto a eles, Mar Maior publica a Historia de Galicia de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, quen onte á noite resaltou a importancia dun proxecto que ?cura a doenza aislacionista, traspasando límites, indo a outros lugares e creando puntos de encontro?.

Pola súa banda, César Antonio Molina, director do espazo, lembrou que a Casa do Lector é “territorio galego”, porque Germán Sánchez Ruipérez “era galego por vínculo matrimonial e pasaba moito tempo en Galicia”. E, finalmente, María Isabel de Andrés, presidenta da Fundación Germán Sánchez Ruipérez asegurou que Mar Maior é unha “iniciativa brillante, a través da que Galicia se proxecta ao mundo sen renunciar aos seus acenos de identidade, pero adaptándose á contemporaneidade”.

Unha vez concluído o acto, a música galega de orixe palestina Najla Shami interpretou uns poemas de Rosalía de Castro e afirmou que “sendo capaz de ver a Galicia desde a miña parte estranxeira, creo que esta é unha maneira fermosa de ensinar a súa beleza ao mundo”.

“Mar Maior é a editora da cultura galega”, rematou Freixanes, “pero nace cunha vocación aperturista, coa ambición de converterse enseguida nun mar para navegar todos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar