A conta xeral de Galicia correspondente a 2013 cumpríu o déficit público

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao pasado exercicio 2013 acredita que Galicia cumpriu o obxectivo de déficit público e confirma unha maior execución e un maior esforzo investidor. Revela -dixo- que, grazas ao rigor e a eficiencia orzamentaria, Galicia “volveu cadrar as contas do ano 2013” para seguir sendo “unha das comunidades máis solventes de España” e para poder cumprir os compromisos previstos.

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que un ano máis, como vén ocorrendo desde 2009, Galicia axustouse aos parámetros fixados polo Consello de Política Fiscal e Financeira e cumpriu o déficit público, porque volve quedar por debaixo do 1,2%, que era o obxectivo, e pecha o exercicio cun déficit de 1,13% do PIB autonómico, fronte á media do conxunto das comunidades que foi do 1,54%; o que a sitúa catro décimas por debaixo.

Isto significa, afirmou, que o déficit acumulado entre o ano 2009 e 2013 en Galicia subiu un 7,7% fronte a un 11,8% que tivo de media o conxunto das autonomías, polo que “outra vez volve acreditar que seguimos cun dos déficits públicos máis baixos a pesar da recesión económica; en concreto, catro puntos por debaixo da media das comunidades desde o ano 2009 ao ano 2013”, apuntou.

Así mesmo, subliñou que ter conseguido este obxectivo confirma que “a Xunta xestiona con realismo”, é dicir, “sen facer previsións de ingresos que posteriormente non se van cumprir” nin “inchar o presuposto”. Polo tanto, no que a ingresos reais se refire, asegurou que “esta Conta Xeral do ano 2013 acredita que os ingresos da Comunidade autónoma foron 95 millóns de euros máis que os previstos cando confeccionamos o orzamento”.

XESTIONAR CON REALISMO

Significa, dixo, “confirmar a orientación que lle demos ás contas públicas para facelas asumibles; é dicir, realistas. Non significa simplemente poder dicir que Galicia é unha das comunidades autónomas máis solventes de España, senón que isto supón, sen dúbida, beneficios para os cidadáns galegos, que é o que perseguimos”, apostilou. “Significa, -proseguiu-, que Galicia cumpre, e poder blindar o noso autogoberno para ser autónomos, é dicir, non ser rescatados”. Por iso, indicou, “Galicia pode seguir acudindo con normalidade aos mercados financeiros como veu acudindo durante toda a etapa de recesión económica”. E, finalmente, sinalou que “significa, tamén, que Galicia paga aos provedores en tempos óptimos”, entre 20 e 30 días, así como ter a certeza de que a Xunta vai cumprir con eles.

Un esforzo investidor superior á media das autonomías
Pero ademais de cumprir o déficit, e todo o que isto supón, destacou que a Comunidade galega fíxoo executando e investindo máis que a media das autonomías cunha política que permite incrementar as oportunidades económicas e sociais aos cidadáns con máis oportunidades, en primeiro lugar, a través de menos impostos. “Levamos rebaixando selectivamente os impostos a partir do Orzamento do ano 2010, onde rebaixamos os impostos que gravaban as vivendas, seguimos rebaixando no ano 2012 o IRPF e, agora, nos Orzamentos do 2015, volve haber unha baixada selectiva de impostos sobre todo para axudar ás familias que queiran ter fillos”, esgrimiu.

En segundo lugar, a través de máis servizos públicos; e a proba é, dixo, que Galicia “non retrocedeu” nos servizos públicos, no eido da sanidade ou da educación polo que, hoxe, asegurou, “temos máis prazas públicas que no ano 2009”.

Por outra banda, sinalou que a Xunta confirmou unha mellor execución do presuposto, posto que a Conta Xeral de 2013 acredita que a execución do gasto non financeiro foi do 101,7% sobre o presuposto inicial. E, indicou que Galicia mellorou a súa porcentaxe de execución con respecto ao ano 2012 en catro puntos. Nesta liña, sinalou que segundo os datos do Ministerio de Facenda, a execución do gasto non financeiro foi case de tres puntos superior á media autonómica.

No tocante ao esforzo investidor, o responsable do Goberno galego afirmou que Galicia foi en 2013 a cuarta comunidade que realizou maior esforzo investidor, 4,2 puntos máis que o conxunto de autonomías.

Feijóo concluíu incidindo en que: “Exercicio tras exercicio os galegos poden ter a certeza de que o Goberno intenta xestionar con rigor o diñeiro que poñen á disposición da Administración autonómica”. O obxectivo, agregou, “é manter certezas, as certezas de que Galicia cumpre os seus presupostos, de que Galicia paga o que contrata, de que os servizos públicos se manteñen a pesar da baixada dos presupostos da Comunidade autónoma en máis dun 20% desde o ano 2009, e de que Galicia segue apostando por crecer a través dun esforzo de investimento que é superior á media das comunidades autónomas no que a execución se refire”, concluíu

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar