Decrece a Galicia exterior

 

Miranda_Consello da Cultura Galega_evolución emigración Galicia Exterior

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, clausurou o seminario ‘Novas mobilidades nun contexto de crise. Retos da Emigración para a sociedade galega’, que se ten desenvolvido na sede do Consello da Cultura Galega, organizador desta cita.

Antes da clausura oficial, Miranda ofreceu unha conferencia baixo o título ‘Reflexións sobre a Galicia exterior: galeguidade, emigración e cidadanía’, na que o máximo responsable autonómico nesta materia explicou as diferenzas, sinaladas por tódolos expertos nacionais e internacionais, entre o concepto tradicional de emigrante e os novos movementos migratorios, formados por grupos heteroxéneos en moitos aspectos, tales como a procedencia xeográfica, o nivel formativo, ou as motivacións no seu cambio de residencia, entre outros.

Así, na súa intervención Miranda lembrou que a porcentaxe de galegos residentes no estranxeiro e nados na Galicia territorial ten descendido desde o 41% de 2009 ata o 31% de 2014, ou o que é o mesmo: só 3 de cada 10 galegos inscritos como galegos no PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) naceu en Galicia.

O secretario xeral afirmou que “dos 477.181 galegos residentes no estranxeiro, o 67,40% son nados no estranxeiro, fronte a un 31% nados en Galicia; pero é que ademais dos 157.998 cidadáns nados en Galicia, o 0,89% teñen menos de 16 anos, o 38,87% teñen entre 16 e 64 anos, e o 60,22% teñen mais de 64 anos. Dende a visión cuantitativa o sector poboacional galego que demanda mais atención non é o dos mozos e mozas galegos emigrantes, senón precisamente o dos maiores”.
Outro dato que deixa as claras ata que punto non se pode identificar aumento de inscritos no PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) con número de emigrantes en sentido tradicional é a comparación entre países con maior aumento de inscritos respecto da porcentaxe de galegos anteriormente inscritos nalgunha provincia da Galicia territorial. Así, en 2013, e por aumento “bruto”, subiu o número de galegos en Arxentina (5.501), Cuba (4.275), Brasil (2.256), Venezuela (1.924) e Suíza (1.474); pero este quinto país encabeza en cambio a listaxe de galegos nados en Galicia que se rexistraron no estranxeiro en 2013: Suíza (684), Venezuela (375), Arxentina (367), Estados Unidos (que tampouco aparecía na listaxe “bruta”, 337), e Reino Unido (ídem, 352).

O que é necesario facer é dar a dimensión axeitada a este fenómeno na súa realidade numérica. A maior parte das novas incorporacións de cidadáns galegos no exterior non son producidas por un incremento da emigración de galegos procedentes de Galicia, senón polos procesos de obtención ou recuperación da nacionalidade”.

 

GALEGUIDADE, EMIGRACIÓN E CIDADANÍA

Seguindo as conclusións da maioría dos expertos na materia, o secretario xeral da Emigración afondou na natureza dos conceptos de galeguidade, emigración e cidadanía, tanto desde unha perspectiva histórica como actual, co gallo de poñer foco nas análises que se realizan na actualidade sobre os fenómenos migratorios a e desde Galicia. Neste sentido, e fronte á concepción tradicional como sinónimos dos conceptos de emigrante e cidadán residente no Exterior, Miranda subliñou na súa intervención que, “entre os anos 2009 e 2014 os cidadáns galegos residentes no estranxeiro e nados en Galicia, diminuíron en 5.694 persoas, mentres os cidadáns galegos residentes no estranxeiro e nados noutros países aumentaron en 103.226 persoas“.

“Dende o ámbito da comunicación, do político e do económico, estamos a valorar e –ás veces- a cuantificar a saída de cidadáns galegos cara a emigración de xeito lineal e integrador, sen ter en conta as realidades antes apuntadas”, resumiu o secretario xeral da Emigración, quen instou á correcta interpretación das estatísticas sobre a materia.

Neste sentido, subliñou que os datos do Instituto Español de Estatística (INE) sobre o fluxo migratorio español cara ao estranxeiro de nados en España en 2013, amosan que Galicia é a única das grandes comunidades autónomas en número de residentes no exterior, no que no ano 2013 diminuíu o número de saídas cara ao estranxeiro.

 

NOVO CICLO MIGRATORIO

A modo de conclusión, Miranda destacou que “non estamos a vivir un novo ciclo migratorio con saídas masivas da poboación galega, procedente de Galicia, cara ao exterior, coincidindo cos datos e valoracións dos expertos que participaron nestas xornadas anteriormente. Emigración hai, e seguirá habendo. É mais: se hai unha consolidación da Unión Europea e do seu espazo de mobilidade o futuro amosa unha intermobilidade no espazo europeo máis ampla, con maior número de cidadáns galegos vivindo, estudando e traballando noutras rexións europeas e noutros países do concerto internacional, e tamén máis cidadáns doutros países europeos vivindo en Galicia. Opoñerse a esta realidade e a este futuro e ir contra a lóxica dos tempos e contra a integración plena de Galicia no seu espazo natural de desenvolvemento”.

Por iso, o responsable autonómico en materia de Emigración rematou asegurando que, posto que “as nacións responsables constrúen o seu futuro dende o que son, é importante que coñezamos o noso presente, e neste caso o noso presente migratorio e de mobilidade para planificar o noso futuro; e nel, non me cabe dúbida, a nosa poboación asentarase nun espazo común que é Europa”.

O SEMINARIO

Coa charla de Miranda e o debate e clausura oficial posteriores, rematou un seminario que durante dúas xornadas reuniu a especialistas de España e Portugal. Onte martes interviñeron á mañá o catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo e mailo subdirector do Centro de Estudos Demográficos e profesor de Xeografía na Universidade Autónoma de Barcelona, Andreu Domingo. Xa á tarde, falou a científica titular no CSIC Amparo González Ferrer, e despois o xefe de Gabinete da Secretaría Xeral da Emigración, Ildefonso de la Campa, e a profesora da UdC Obdulia Taboadela, moderados pola coordinadora das xornadas, Laura Oso, tamén docente na Coruña. Finalmente, xa hoxe mércores á mañá, e xusto antes de Miranda, falou o profesor da Universidade de Lisboa Jorge Malheiros.

Foron variados os enfoques sobre os diversos aspectos vinculados á diáspora. Así, Izquierdo falou sobre ‘Mobilidades e migracións: tendencias, actitudes e explicacións’, Domingo sobre ‘Novas mobilidades. Tipoloxía e estimación de magnitudes á luz das fontes estatísticas’, González sobre ‘Inmigración, emigración e nacionalidade: fronteiras difusas’, De la Campa e Taboadela sobre ‘Mobilidades actuais no contexto europeo: estudos de caso’, e Malheiros sobre ‘As novas migracións entre o Sur e o Norte de Europa: cadro de fluxos e respostas políticas’. Miranda pechou, como se ten comentado, cunha sexta conferencia de ‘Reflexións sobre a Galicia exterior: galeguidade, emigración e cidadanía’.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar