O viño do Ribeiro, no Fórum Gastronómico de Cataluña

Viños Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro desprázase a Barcelona cun calendario de accións que divulga a calidade dos seus viños a un público profesional e prescriptor, ao tempo que amplía mercados cunha misión comercial, composta por 13 adegas, pertencentes á esta entidade, que é a máis antiga de Galicia.

A capital catalá acolle o Fórum Gastronómico dende onte e ata o xoves e un posto de deseño promovido dende o Consello Regulador servirá como punto de dinamización da súa proposta na feira profesional. Ademais da información xeral da Denominación de Orixe, estarán representadas as adegas Valdavia, Alanís, A Portela, Casal de Armán, Cunqueiro, Eduardo Peña, Finca Viñoa, Pousadoiro, Ramón do Casar, Rodríguez Méndez, Terra do Castelo, Viña Costeira e Viña Reboreda.

O Ribeiro está incluído no programa do Fòrum Gastronòmic. Uns extraordinarios viños da D.O. Ribeiro con aptitudes axeitadas para o seu envellecemento en botella (viños de garda) serán os protagonistas dunha sesión dentro da programación do Fòrum, conxugando as súas virtudes coas propostas gastronómicas de Diego López (restaurante La Molinera, Lalín), o «cociñeiro do ano» no Fórum Coruña 2014.

As adegas presentes reuniranse con distribuidores e outros profesionais do sector, que traballan en Catalunya ou se desprazan alí con motivo do Fòrum. Estas reunións son froito da misión comercial que auspicia o Consello Regulador dende hai algunhas semanas e que pode servir como elemento incrementador das vendas dos seus viños en Catalunya, que é un mercado vocacional e estratéxico para os viños do Ribeiro.

PRESENTACIÓN DOS VIÑOS

Ademais, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro organiza no Eurostars Grand Marina Hotel de Barcelona unha festa presentación dos viños das adegas participantes. Este evento será unha grande ocasión para coñecer de primeira man á Denominación de Orixe máis antiga de Galicia así como ás súas trece adegas presentes.

Ao evento acudirán o Presidente e o Xerente do C.R.D.O. Ribeiro, respectivamente Miguel Ángel Viso Diéguez e Roberto Goñi Petit, así como o director técnico do mesmo organismo, Pablo Vidal. O acto terá como condutora á sumiller Meritxell Falgueras e contará con música en directo; está confirmada a presenza de xornalistas especializados, distribuidores, sumilleres, empresarios do ámbito da distribución, e do mesmo xeito, representantes da comunidade galega en Catalunya.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar