Somo ou non somos

«Somos ou non somos», preguntábase o Camilo de Fidalgo cando, xa un pouco cargado, reclamaba a complicidade dos presentes. Ese «somos ou non somos» colectivo vén a ser como o «ser ou non ser» hantliano no plano individual.

Os galegos, cada vez, somos menos e menos galegos. Descende a poboación e, aínda a un ritmo máis acelerado, decrece o número de falantes en galego.

O último Informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) non deixa lugar a dúbidas.

As persoas que se declaran monolingües sitúanse por vez primeira na historia por debaixo do 50%. Concretamente no 43,8, fronte aos 56,84 de hai dez anos. Trece puntos menos ou, se queren, 311.294 falantes de galego menos. A perda dos galego-falantes nas cidades é alarmante. Tamén o é nas vilas do Atlántico, onde se concentra a poboación.

«Os dados reflicten a realidade galega», analiza sabiamente o director xeral de Política Lingüística, Valentín Garcia, con fachenda arrogante. «Ambas as dúas linguas conviven harmónica, pacificamente», engade.

Traducidas as súas declaracións, quere dicir: está a funcionar, moi correctamente, marabillosamente, o proceso de substitución lingüística que nós auspiciamos.

Non sei por que estas palabras me lembran a campaña posta en marcha por Fraga Iribarne cando era ministro de Franco: «25 anos de Paz». A paz dos camposantos, dicían aqueles que tiñan o valor para revelarse.

Dúas linguas no mesmo territorio nunca conviven nin harmónica nin pacificamente. Existe un conflito lingüístico, unha puxa entre unha e outra por imporse socialmente por máis que, arteiramente, teimen en negalo. Se unha perde, a outra gaña. O PP, con Núñez Feijóo á cabeza, fai o mesmo que o bretón Du Gusesclin, cando, en presenza do conde de Lemos, o rei Pedro se abalanzou contra o seu irmán Henrique derrúbandoo, colleu ao segundo e colocouno por encima do primeiro dicindo a célebre frase: «Non poño rei, nin quito rei, axudo ao meu señor».

O PP, por vez primeira na historia, xa ten ao español por encima do galego. Agora, como naquela liorta real, só ten que agardar a que lle corte o gañote.

E non se trata de non saber español. Estudei en Madrid. Traballo para medios nos que teño que falar ou escribir en español, pero sigo a ser galego falante. Non se pode ser universal se un perde a súa identidade.

No plano colectivo, estamos ante unha concepción política: ‘‘Somos parte de… (España), ou «somos nós» (galegos), en plenitude e, se queremos, podemos convivir con outros pobos no mesmo Estado.

Ser ou non ser, esa é a cuestión.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar