Entra en servizo o sistema telemático Lexnet para a Administración de Xustiza

Rueda_LexNet
Os avogados, procuradores e outros axentes xurídicos da Comunidade poderán presentar demandas de xeito electrónico ou incorporar documentación a un procedemento en marcha a través do sistema Lexnet. A Xunta porá en marcha a primeiros de novembro esta nova funcionalidade en órganos xudiciais das provincias de A Coruña e Pontevedra e implantarase de xeito progresivo en Ourense e Lugo.

O proxecto foi presentado hoxe na Audiencia Provincial de Pontevedra polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; a directora da Amtega, Mar Pereira; e o maxistrado Manuel Almenar; nunha comparecencia na que tamén participaron o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez; e a secretaria de Goberno do TSXG, Concepción Otero.

 

Galicia convértese así nunha das primeiras comunidades en activar este novo servizo do sistema Lexnet, dentro das actuacións definidas no Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Hai que recordar que Galicia xa foi pioneira ao habilitar a presentación telemática de demandas nos casos de afectados por preferentes, que se concentraron nos xulgados específicos creados en Vigo e A Coruña para tramitar estes procedementos.

O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha.

Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.

Máis de 10 millóns de notificacións en catro anos
Lexnet é unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, utilizando a sinatura dixital. O sistema Lexnet implantouse en Galicia en 2009 e a día de hoxe xa se converteu nun instrumento de traballo tan habitual no ámbito das comunicacións xudiciais, como o teléfono, o fax ou o correo electrónico. O crecemento en canto a usuarios e actividade desde foi constante nos últimos catro anos, sumando máis de 10 millóns de notificacións. No que levamos de ano, realizáronse preto de 2 millóns de notificacións a través de Lexnet, o que sitúa a Galicia no cuarto lugar por volume no ránking das catorce comunidades autónomas usuarias do sistema.

Axenda de sinalamentos de vistas
Por outra banda, lembrouse que desde o pasado mes de xuño está operativa a Axenda de Sinalamento de Vistas do portal de Xustiza que facilita aos cidadáns a consulta online das vistas que se van celebrar nos órganos xudiciais dos concellos que son cabeceira do partido xudicial. A axenda permite realizar a busca da información en tres sinxelos pasos, selección de datas e lugar, selección do tipo de órgano xudicial e e número de órgano xudicial.

Estas medidas enmárcanse nas actuacións do Plan Senda para a integración das TIC no eido xudicial, que abranguen dende a mellora da conectividade dos xulgados -a día de hoxe o 84 por cento das sedes xudiciais tes conexión de 100 mbps-, á renovación do equipamento informático, dos servidores, pasando pola implantación dos sistemas de xestión procesual Minerva e Fortuny para xulgados e Fiscalías, así como a interconexión entre ambos.

Outro fito importante foi a implantación na totalidade dos órganos xudiciais de Lexnet, o sistema de intercambio seguro entre os órganos xudiciais e os operadores xurídicos ou a informatización de Instituto de Medicina Legal de Galicia co sistema Simelga. O despregamento da rede de videoconferencia e da instalación do sistema de gravación de vistas con firma dixital, a entrada en funcionamento do portal eXustiza son outras das medidas que contribuíron a modernizar o sistema xudicial galego.

Vídeos relacionados

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar