O ritmo constructivo do hospital de Vigo garante a súa apertura o vindeiro verán

Feijoo en hospital Vigo

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que, un ano máis, os Orzamentos da Comunidade para o ano 2015 destinarán oito de cada dez euros a gasto social, e consignan unha partida de 55 millóns de euros para o novo hospital público de Vigo, o que garante a súa entrada en funcionamento no verán do vindeiro ano. Así o adiantou hoxe na visita que realizou ás obras da que cualificou como unha “infraestrutura de cabeceira” para o conxunto da sanidade pública de Galicia e para o Sistema Nacional de Saúde.

O mandatario galego explicou que a construción deste centro hospitalario está actualmente “a pleno rendemento”, coa previsión de que estea rematada no primeiro semestre de 2015. Un proceso, dixo, que a Xunta está acometendo atendendo a unha premisa fundamental: “que non haxa desfases temporais” entre a edificación exterior da obra e a licitación do seu equipamento, senón que se faga de xeito simultáneo. É dicir, actuando con previsión e antelación para que, unha vez concluída a construción do inmoble se poida proceder a equipalo sen máis demoras contractuais que puidesen retrasar a súa entrada en funcionamento.

Así, apuntou que o Goberno galego traballa con vistas a que, unha vez que a adxudicataria entregue a obra, o traslado do equipamento dure entre 12 e 15 semanas, polo que a posta en marcha deste centro hospitalario tería lugar no verán de 2015, cando os veciños de Vigo e a súa contorna, apuntou, poderán dispoñer dun hospital cen por cento público e á vangarda tecnolóxica.

Formalizado o contrato para a acometida da subministración eléctrica

Neste sentido, avanzou que onte mesmo a Xunta formalizou o contrato para a realización da obra de acometida de subministración eléctrica deste centro. E, na mesma liña, indicou que o pasado xoves se autorizou o primeiro dos oito expedientes de contratación relativo ao equipamento electromédico, cun investimento de máis de 5,2 millóns de euros.

Feijoo en hospital Vigo2Segundo explicou, neste expediente, composto por nove lotes, inclúese: o equipamento de anatomía patolóxica, columnas de cirurxía e endoscopia, cabeceiros suspendidos e de altas prestacións, lámpadas cirúrxicas, quirófano integrado e torres de endoscopia, equipamento de robotización de farmacia, unidade automatizada de dispensación de medicamentos, e cabina de fluxo laminar.

Trátase, indicou, do primeiro dos expedientes que a Xunta licita e, nos vindeiros meses, farao cos sete restantes, agrupados por lotes segundo a tecnoloxía da que se trate. Así, unha vez rematada a obra poderase comezar a equipar o novo hospital para que entre en funcionamento no menor tempo posible. Feijóo sinalou que o plan de equipamento de todo este complexo hospitalario suporá un investimento de 45 millóns de euros.

Un hospital público aliñado cos obxectivos do Programa H2050 e Innova Saúde

O novo hospital de Vigo, resaltou, será un centro hospitalario de última xeración porque incorpora a máis avanzada tecnoloxía, como proba que entre os 32 quirófanos cos que contará, e por primeira vez na área de Vigo, haberá dous integrados con tecnoloxía 3D. Isto, asegurou, permitirá poder realizar intervencións cirúrxicas de maior complexidade, menos invasivas para o paciente, cunha recuperación máis doada e, sobre todo, con maior seguridade disgnóstica.

As novas prestacións tecnolóxicas das que disporá este centro sanitario, abundou, mellorarán a calidade asistencial que a sanidade pública galega ofrece ao paciente porque porá á disposición dos profesionais a tecnoloxía máis avanzada e abrirá novas posibilidades terapéuticas e de diagnóstico. “Afondamos nun modelo de sanidade pública que ofrece maiores garantías ao paciente porque permitirá facer máis certeiro o diagnóstico e máis especializado o tratamento”, subliñou.

Feijóo salientou que este hospital público “pilotará os grandes retos que a sanidade pública galega ten por diante, e que pasan pola modernización das súas infraestruturas e recursos para ofrecer un servizo máis áxil, seguro e personalizado. Un novo hospital, remarcou, que “está aliñado cos obxectivos que nos temos marcado a través do Programa H2050 e o Innova Saúde”, polo que a súa posta en funcionamento será “un paso máis cara ao modelo de sanidade pública innovadora que queremos construir”, incidiu.

Subliñou, así, que este novo hospital público “é un compromiso adquirido con Vigo e a súa área sanitaria”, que é a de maior extensión de toda a Comunidade posto que dá cobertura a 600.000 persoas. Unha infraestrutura “imprescindible” para suplir as necesidades actuais e futuras de todo o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. E, ademais, grazas ás súas prestacións, contribuirá a valorizar o potencial da sanidade pública do mañá.

Un Servizo Galego de Saúde mellor preparado para as necesidades futuras

O mandatario autonómico destacou que a Xunta traballa para que o Servizo Galego de Saúde estea mellor preparado para afrontar as necesidades da poboación. Para iso, dixo, reduciu as listas de espera poñendo en marcha vías rápidas para as patoloxías máis graves.

Ademais, indicou que está a incrementar toda a tecnoloxía dos hospitais do Sergas a través dun investimento de 80 millóns de euros en oito anos, e dando un impulso definitivo en materia de infraestruturas, tamén reflectido nos presupostos do vindeiro ano: “construíndo un novo edificio de hospitalización no complexo de Ourense; iniciando a obra de ampliación do Hospital do Salnés; tomando decisións sobre o proxecto de ampliación do Hospital da Costa; e tamén, seguindo coa modificación do bloque cirúrxico do hospital da Coruña”.

O obxectivo, reiterou, é que “en 2016 sete de cada dez galegas e galegos conten cun centro de saúde novo ou cun hospital público novo ou remodelado”. E, ao respecto, salientou que dos 15 centros de saúde proxectados para esta lexislatura (12 xa están licitados, adxudicados ou en contrucción), catro se construirán na área de Vigo: en Santa María de Oia, cuxas obras comezarán en novembro; en Panxón (Nigrán), que inicia xa a súa construción; e en Gondomar e Tui, xa licitados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar