Sesenta mil personas en tres paises de dous continentes visitaron «Galicia, Pórtico Universal»

Galicia_pórtico universal_1
Praza de Mario, en Buenos Aires, coa presidencia da República arxentina ao fondo.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia o balance do funcionamento da iniciativa ‘Galicia, Pórtico Universal’, que cumpre precisamente un mandato parlamentario emanado da cámara galega no Debate sobre o Estado da Autonomía do ano 2012.

Nesa resolución, a cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.

Así, a iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, púxose en marcha este proxecto, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, os galegos da diáspora actúan como embaixadores da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.


UN PROXECTO EN CRECEMENTO

Galicia_portico universal_Cordoba_Arxentina_Miranda
Miranda, na cidade arxentina de Córdoba, o pasado dia 3.

A área inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, área de información de Turismo de Galicia, e unha aula profesional de cata.

Asemade, no seu percorrido foi incluíndo novidades, como diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

Segundo os datos expostos por Miranda, a área expositiva sobre a actualidade e calidade galegas ten concitado a atención de en torno a 60.000 visitantes, nas súas estancias en Barcelona, Hamburgo, Vitoria, Bos Aires e Córdoba, primeira vez que daba o salto ao outro lado do Atlántico.


IMPACTO POSITIVO

O secretario xeral da Emigración tamén salientou que se acadou a cifra de 1.313 participantes nas accións especializadas de promoción do produto galego (empresas importadoras, comercializadoras, restauradores, sumilleres, etc…), máis de 150 aparicións en prensa escrita, radios e televisións xerais –tanto locais como autonómicos, nacionais e mesmo estranxeiros-, e se contabilizaron máis de 1.700.000 impactos en redes sociais.

Canto aos retornos acadados por esta acción, e aínda que matizou que “é aínda moi cedo para coñecer o seu alcance definitivo”, Miranda expuxo unha afluencia de público local moi importante –especialmente no caso de Barcelona, Vitoria e Bos Aires-, e o máis relevante no plano económico, diversos encontros de negocio entre empresas galegas que presentaban produtos na área expositiva con empresas importadoras e comercializadoras das localidades, Comunidades Autónomas e países destino desta acción.

O secretario xeral tamén destacou neste capítulo o importante éxito das catas de produtos galegos para profesionais acadado en tódalas cidades visitadas, a ampla aceptación destes produtos entre o público xeral e especializado, a estreita colaboración coas administracións de tódalas cidades receptoras, e sobre todo a definitiva implicación das comunidades galegas colaboradoras no éxito da iniciativa.

A este respecto, Miranda salientou que “no caso de Bos Aires era a primeira actividade que contaba coa participación do conxunto de entidades galegas en anos. Esta actividade é percibida polas nosas comunidades como un paso fundamental para recoñecer o papel da galeguidade na proxección exterior de Galicia. Está a favorecer a tan necesaria coordinación e unidade de acción das nosas colectividades no exterior. A galeguidade saíu reforzada desta primeira experiencia”.

POTENCIAIS TURISTAS

Outro aspecto salientable do balance que realizou o secretario xeral da Emigración é o retorno previsto no tocante á promoción turística de Galicia. A promoción de Galicia como destino turístico a través do stand institucional Galicia Pórtico Universal é altamente satisfactoria, xa que se prevé un elevado retorno en termos de potenciais visitantes a Galicia.

O perfil da persoa interesada é de un turista cun nivel cultural elevado, alto poder adquisitivo e cunha media de idade entre os 30 a 50 anos. Principalmente casados e con familia, que buscan en Galicia un lugar para unhas vacacións de calidade a un prezo razoable. “Neste apartado, a natureza, o Camiño de Santiago e a gastronomía seguen a ser os grandes motores na atracción que exerce Galicia sobre os seus potenciais visitantes”, segundo lembrou Miranda na cámara galega.

Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o funcionamento de ‘Galicia, Pórtico Universal’ demostra “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, optimizando os recursos, así como a posibilidade mesmo de tender pontes de colaboración con outras administracións. Pero, ante todo, pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa das mesmas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar