«Serramoura» mantén a audiencia e dalle un liderado absoluto á TVG

Serramoura

A serie “Serramoura” da TVG mantivo de novo este domingo o éxito de seguimento de audiencia durante a emisión do segundo capítulo deste thriller rural, o que a converteu en líder absoluta cunha cota de pantalla de 16,6% e unha audiencia media de 181.000 espectadores.

A emisión de “O año na Lobeira”, en que outro crime acontece en Serramoura, superou as propostas das restantes canles competidoras. A máis próxima, a oferta de “Gran Hermano”, en Tele5, quedou a 1,2 puntos de cota respecto da Galega; seguida por “El Peliculón” de Antena3 (14,4%) e pola “Película de la Semana” de La1 (14,2%), tal e como recolle o informe de audimetría que elabora a empresa Kantar Media.

No que respecta ao ‘prime time’, ou faixa máis importante do día polo maior consumo televisivo, a TVG, cun 12,1% de ‘share’, foi a segunda máis seguida, só superada por La1, que contou coa retransmisión dun novo partido da Eurocopa de fútbol.

Por outra parte, os espazos informativos da Televisión de Galicia continúan a ser os favoritos dos espectadores para estar ao tanto da actualidade. Só na semana pasada os seus informativos contaron cunha audiencia total de 1.193.000 galegos, o que supón que o 44,8% dos galegos de 4 e máis anos elixiron nalgún momento a información da TVG.

Tamén, en concreto, unha vez máis, o “Telexornal Mediodía” foi o venres o programa máis visto do día e o informativo cun maior seguimento en España. A cota do espazo foi do 33,3%, chegando a un pico máximo de 38,4% de ‘share’.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar