Feijóo comproba a marcha das obras na Catedral de Ourense

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou no serán de hoxe a Catedral de San Martiño de Ourense, declarada Monumento Nacional en 1931 “por un gran valor arquitectónico e cultural que a converte en emblema de Ourense, unha das provincias con maior patrimonio románico do territorio nacional e cerne da historia e tradición galegas”. Na súa visita, o titular do Goberno galego certificou a “boa marcha” das obras que se están a realizar e anunciou novas actuacións de acondicionamento e restauración que se realizarán no bienio 2014-2015 e que elevarán a aposta da Xunta pola Catedral de Ourense aos “xa máis de millón e medio de euros investidos desde 2011”. Neste punto, o titular do Goberno galego insistiu no compromiso “coa custodia e a protección dos bens artísticos que compoñen o noso acervo cultural”.

Feijoo Catedral Ourense 1Acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o presidente debullou as actuacións previstas para este ano e o vindeiro que suporán un investimento de “preto de 450.000 euros” con cargo aos Fondos Feder.

Segundo explicou o titular da Xunta, as obras terán como obxectivo, por unha banda, “o acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de coengos” que terá un investimento “duns 350.000 euros”; e por outra, informou Feijóo, “a vindeira semana o DOG publicará o anuncio de licitación do contrato de restauración da portada norte e limpeza da fachada que contará cun orzamento de máis de 93.000 euros”.

CAPELA DE SAN XOÁN

Ao fío do anuncio das novas actuacións, o mandatario galego comunicou tamén “o remate das obras de restauración da Capela de San Xoán que contaron cun orzamento próximo aos 300.000 euros”. A finalidade dos traballos, dixo o presidente, é “que a Catedral poida exhibir as súas cualidades artísticas e arquitectónicas en todo o seu esplendor”.

Na súa intervención, Feijóo tamén lembrou outras actuacións de rehabilitación xa rematadas como as obras centradas no Pórtico do Paraíso, grazas ás que “recuperou a súa policromía e aspecto orixinal”; as do Órgano maior “para devolv
erlle a súa ampla gama de rexistros sonoros”, ou outras obras menores de impermeabilización ou enlousado.


TRABALLOS EN EXECUCIÓN

Feijoo Catedral Ourense 2Ademais das obras xa realizadas e as anunciadas polo presidente da Xunta, na Catedral de San Martiño estanse a levar a cabo dúas actuacións enmarcadas na segunda fase de restauración do templo e que segundo o mandatario galego, “está previsto que rematen antes da fin deste 2014”.

As obras corresponden á rehabilitación das cubertas e as terrazas situadas na cabeceira da Catedral, incluíndo a Capela do Santo Cristo e a reparación puntual nas terrazas da torre sur; así como a restauración da pintura mural do nártex. Ambas as dúas operacións contan cun orzamento total “duns 423.000 euros”.


PATRIMONIO ARTÍSTICO GALEGO

No seu discurso, o presidente galego sinalou a Catedral de Santiago- cuxo Plan director se presentou ao Goberno de España co obxectivo de que a catedral quede completamente rehabilitada antes do próximo Xacobeo 2021-, a Catedral de Santa María de Lugo, a Catedral de Mondoñedo, a Catedral de Santa María de Tui e a Catedral de San Martiño como “cinco fitos da arquitectura relixiosa galega”.

Por este motivo, enunciou Feijóo, “a aposta da Xunta de Galicia por estes cinco templos queda fóra de calquera dúbida: desde 2009 investimos na súa rehabilitación más de 5 millóns de euros”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar