Apertura do II Curso de Sumiller, co presidente da Academia de Gastronomía, Rafael Ansón

Jesús Vázquez_Rafael Ansón_Sumilleres_Nava Castro

O titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da segunda edición do Curso Superior de Sumiller Profesional, organizado polo Instituto Galego do Viño na Cidade da Cultura. No acto tamén estiveron presentes a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora-xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa; ademais do presidente da Real Academia de Gastronomía de España, Rafael Ansón, que fixo a ponencia inaugural, tras a cal se entregaron os diplomas aos titulados do pasado curso.

O conselleiro de Cultura e Educación subliñou na súa intervención que “Galicia ten unha grande tradición asociada á cultura do viño, parte da nosa identidade como comunidade e como pobo”. Ademais, engadiu Vázquez Abad, “os sumilleres son a auténtica vía de comunicación entre os produtores e os consumidores, por iso é importante que reciban unha formación especializada e integral, que fixo que nesta segunda edición do curso a demanda superase á oferta”

O titular de Cultura e Educación rematou o seu discurso gabando ao Instituto Galego do Viño e ao alumnado formado en Galicia porque “constitúen unha parte fundamental da nosa cultura e consolidación da imaxe de Galicia polo mundo”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que tamén participou na apertura do curso, destacou que iniciativas coma esta son fundamentais para avanzar na profesionalización dun sector que é punteiro na economía galega. Nava Castro afirmou que o viño forma parte da nosa cultura, parte da nosa esencia e polo tanto parte de aquilo que temos que compartir como destino turístico.

A directora de Turismo de Galicia explicou que existe una maridaxe perfecta entre o turismo e a enoloxía e é por iso polo que desde Turismo de Galicia, a través da segunda liña estratéxica do Plan Integral de Turismo, trabállase no fortalecemento e dinamización das adegas e viticultores das Rutas do Viño de Galicia, das cales dixo “conforman un referente en canto á enogastronomía de calidade”.

Jesús Vázquez_Rafael Ansón_Sumilleres_Nava Castro_2

Así mesmo, Nava Castro destacou que a produción de viño en Galicia está avalada por Cinco Denominacións de Orixe vitivinícola -Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra e O Ribeiro- e afirmou que “isto supón un importante elemento de competitividade no espazo turístico”.

Despois do éxito da primeira edición, a demanda para este II Curso Superior de Sumiller Profesional superou en moito as prazas ofertadas, recibindo estudantes doutros países como o caso de dous alumnos brasileiros que se trasladan a estudiar a Galicia un ano, polo que desde o Instituto Galego do Viño destacan o alto nivel tras un proceso de selección moi esixente. Ademais, esta segunda edición apostou pola proxección nacional e internacional, converténdose nunha referencia de calidade na formación de sumilleres profesionais e na difusión da cultura do viño galego.

ESTRELAS MICHELÍN

No claustro de profesores nesta edición 2014-2015, onde ademais de Xoán Cannas, Nariz de Ouro no 2004 e director deste curso, estiveron presentes Josep Roca, sumiller e copropietario de El Celler de Can Roca (tres estrelas Michelin); Ferrán Centelles, sumiller de El Bulli (tres estrelas Michelin), César Cánovas, mellor sumiller de España en 2006 e un dos dez mellores do mundo; Pepe Solla, dono e xefe de cociña de Casa Solla (unha estrela Michelin) e unha das referencias da gastronomía galega e do Grupo Nove; ou Michael Wöhr, un dos maiores coñecedores dos viños alemáns en España.

Xunto a eles, tamen participaron grandes profesionais do sector vitivinícola como Quim Vila, propietario de Vila Viniteca, unha das mellores distribuidoras de viño de alta gama en Europa; Joan Gómez Pallarés, catedrático e vicerrector de Investigación da Universidade Autonóma de Barcelona e autor do blog De Vinis; ou Víctor de la Serna, adxunto á dirección do xornal El Mundo, dúas veces Premio Nacional de Gastronomía e adegueiro de ‘Finca Sandoval’.

O curso ofreceu unha información especializada desde unha perspectiva integral, abordando tanto fundamentos de viticultura, enoloxía e cata como técnicas de márketing e protocolo. Do mesmo xeito, afondouse nos retos vinculados á internacionalización do sector, a través da procura de novos mercados e da mellora dos niveis de calidade e innovación.

Ao longo do ano abordaranse módulos formativos sobre técnicas de análise sensorial, variedades de uva, xeografía vitivinícola, enoturismo, marketing estratéxico, xestión de bodegas, servizos de sala, habilidades comunicativas e mesmo un módulo sobre outros produtos de sobremesa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar