A nova Lei do Solo, que intenta poñer fín ao «feismo», accesible desde hoxe na web

O anteproxecto de Lei do Solo de Galicia, autorizado no pasado Consello da Xunta, inicia hoxe a súa fase de participación pública, durante a que poderá ser consultada na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, www.cmati.xunta.es/disposicions.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe o foro ‘A paisaxe galega como motor do desenvolvemento’, no que abordou o impulso desta lei, concibida para recuperar e protexer a paisaxe galga e garantir a mellor xestión do urbanismo municipal. Neste acto tamén participou a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

Alfonso Rueda explicou que “a paisaxe é o reflexo, a imaxe que nos indica cómo está integrada a sociedade nun territorio e cando se fala de Galicia, non podemos perder de vista a importancia que teñen para nós cuestións tan específicas como o medio rural, a dispersión poboacional ou a carencia de harmonización coa que se desenvolveron algúns dos nosos núcleos de poboación”. Engadiu que “a paisaxe galega ten que seguir a ser motivo de orgullo para todos, xa que temos unha riqueza paisaxística que constitúe un auténtico tesouro e un sinal de identidade para os galegos ao alcance de moi poucos territorios no mundo”.

O vicepresidente da Xunta destacou que “o compromiso da Xunta coa paisaxe está sustentado en feitos como a aprobación das primeiras Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral, que dotaron á nosa comunidade dunhas regras de xogo claras para a correcta implantación no territorio, e cuxa valía mereceu o recoñecemento nacional e internacional”.

Nesta liña de protexer a paisaxe galega, o texto da nova Lei do Solo recolle determinacións precisas para que as instalacións e construcións teñan que se adaptar ao seu contorno e non ao revés. Así, establécese que os PXOM deberán especificar as actuacións necesarias para materializar esa protección que se concretan no anteproxecto e que son as seguintes:

o Nos lugares de paisaxe aberta ou natural non se permitirán construcións que limiten o campo visual.
o As construcións non poderán romper a harmonía da paisaxe
o A altura máxima das edificacións fixarase en función do ancho das vías e espazos libres
o As cores das edificacións deberán ser as tradicionais
o As formas e os materiais serán acordes coa paisaxe e construcións da contorna
o Prohibiranse os tendidos aéreos

Ao mesmo tempo, o anteproxecto de Lei ten por obxecto actuar con contundencia para erradicar o feísmo da paisaxe galega, e contén medidas específicas nese sentido. Así, establécese o deber de rematar o exterior das actuacións (é dicir, que as fachadas, as medianeiras e as cubertas deberán estar rematadas), ao tempo que se potencia a rehabilitación, rexeneración e renovación dos núcleos históricos e se esixe a conservación da edificación para garantir en todo momento a habitabilidade, a seguridade, a salubridade e o ornato público.

Xunto con isto, dótase a Administración de novos mecanismos para erradicar as edificacións inacabadas: ditará aos propietarios ordes de execución de obras necesarias para o remate das construcións e o seu mantemento en condicións de salubridade e no caso de incumprimento acudirá á execución subsidiaria ou forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas de 1.0000 e a 10.000 euros.

Axilidade na tramitación dos planeamentos
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, explicou que “de acordo co obxectivo de dotar os concellos de ferramentas de planeamento urbanístico, o texto fai un grande esforzo na redución de cargas administrativas e a prol da axilización da tramitación dos PXOM”.

Por unha parte, este texto dota acurta os prazos de tramitación coa introdución do informe único, que engloba a todos os informes sectoriais. Deste xeito, conseguirase reducir o tempo medio de redacción de Plans dos 6 anos actuais a 3 anos.

Por outra parte, créanse plans básicos, cunha tramitación e contido máis doados, e que serán o instrumento de planeamento dos concellos de menos de 5.000 habitantes que aínda non conten de ordenación urbanística a través dun instrumento de planeamento xeral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar