A antiga Fábrica de Tabacos de A Coruña albergará instalacións xudiciais

Rueda_Negreira_fábrica de tabacos O vicepresidente, Alfonso Rueda, comprobou o avance das obras de rehabilitación da antiga fabrica de Tabacos, que dotará á cidade da Coruña dun novo edificio xudicial sen parangón, consolidando as infraestruturas xudiciais da cidade e recuperando para uso de todos os coruñeses un inmoble senlleiro que se atopaba abandonado. As obras permitirán dotar á Administración de Xustiza dunhas infraestruturas idóneas para os que nela traballan e para os milleiros de cidadáns que as utilizan cada día.

Alfonso Rueda estivo acompañado na visita polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas; o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela; e distintos axentes xudiciais; que puideron comprobar in situ a evolución desta actuación, que xa leva meses en marcha cunha primeira parte fundamental, como é a demolición e desescombro de parte do interior do edificio, respectando os seus importantes valores arquitectónicos e patrimonais.

Esta actuación enmarcase no Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha pola Xunta e dotado con preto de 100 millóns de euros, o que permite levar a cabo actuacións fundamentais e moi necesarias nas grandes sedes xudiciais galegas. Esta obra contan cun investimento arredor de 15 millóns de euros, o que constitúe un dos maiores investimentos nun edificio en Galicia na última década e dunha das maiores actuacións levadas a cabo para unha sede xudicial das que se teñen feito nunca na nosa comunidade.

O Plan de Infraestruturas Xudiciais representa ademais unha aposta pola colaboración entre Administracións, xa que son os concellos os que poñen á disposición da Administración de xustiza os terreos ou edificios e a Xunta a que se encarga de construír as infraestruturas.

A nova sede xudicial dará servizo á Audiencia Provincial, á Fiscalía, xulgado de menores, vixiancia penitenciaria, salas de vistas, colexio de procuradores, colexio de avogados, despachos de psicólogos, traballadores sociais e médicos nun espazo de máis de 15.000 metros cadrados, que albergarán case 200 traballadores da Administración de Xustiza, e que permitirán incrementar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais actuais, resolvendo os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar