Os Premios da Crítica, mostra da «excelencia e vitalidade» da creación cultural, afirma Feijóo

  •  Feijóo_Premios da Crítica_2O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu en Vigo que os premios que outorga a Fundación Crítica Galicia 2014 son a demostración da vitalidade que ostenta a creación cultural na Comunidade, e de que a evolución do seu potencial creativo “se está dando de forma decidida con mulleres, homes e colectivos que exploran as novas facetas da creatividade nos diferentes ámbitos da cultura”. Así o manifestou no acto de entrega destes galardóns que, por primeira vez nos seus 37 anos de historia, inclúen a modalidade de ‘Cultura Gastronómica’, na que o Centro Superior de Hostelería de Galicia quedou finalista.

    Feijóo destacou que esa vitalidade cultural “está estimulada en boa medida polo papel da crítica especializada”, que realiza un traballo de escolla nas manifestacións culturais de Galicia nada doado, dixo, xa que, “por fortuna, contamos cun país de grandes creadores”. “Nomes sobre os que poñemos os ollos cun recoñecemento seguro do valor que nos achegan as súas obras e as súas realizacións”, subliñou.

    Feijóo_Premios da Crítica_1

     

    O mandatario galego animou á Fundación Premios da Crítica Galicia a seguir por este camiño porque “unha boa maneira de seguir estimulando e incentivando a creación cultural é premiar a excelencia”, asegurou, como tamén o está a facer a Xunta de Galicia a través da convocatoria dos Premios da Cultura Galega. “A nosa terra sempre atopou un punto de encontro fundamental na cultura, tanto en momentos prósperos como en tempos de dificultade. Galicia segue contando con creadores que nos volven recordar que estamos unidos arredor dun gran país”, apuntou.

    EXCELENCIA
    Os Premios da Crítica creáronse para recoñecer a excelencia da produción anual da cultura galega nos eidos da creación literaria, a investigación, a música, as artes plásticas, as artes escénicas e as iniciativas culturais. Ademais, nesta edición, a Fundación da Crítica Galicia decidiu crear a modalidade ‘Cultura gastronómica’ coa que recoñecer as iniciativas destacadas neste eido.

    Os xurados de cada unha das modalidades destes premios están formados por persoas coñecedoras de cada ámbito e realizan o seu traballo para a Fundación de xeito desinteresado.

    No ámbito da ‘Cultura gastronómica’, considéranse premiables todas aquelas iniciativas de cultura gastronómica desenvolvidas ao longo do ano 2013. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas e entidades do eido da cultura gastronómica que, contando cunha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2013.

     

    CENTRO SUPERIOR DE HOSTELERÍA
    O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) é un centro de ensinanza superior que forma directivos hostaleiros e xestores en cociña cunha metodoloxía moderna e eficaz, coa que o alumnado pode acadar os máis altos niveis de profesionalidade activa na súa futura profesión.

    A importancia estratéxica do turismo en Galicia e a necesidade de contar con directivos especializados en xestión hoteleira foron os motivos que levaron ao Goberno galego a decidir a creación do Centro Superior de Hostelería de Galicia en 1993. Dous anos máis tarde, poríase en marcha o primeiro curso académico.

    Desde 1995, ano en que se puxo en marcha o primeiro curso de Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras, o CSHG formou a 2.000 directivos que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar