Feijóo entrega el «Otero Pedrayo» a Neira Vilas, un dos «fillos que fan máis sólida» a Galicia

 

Feijóo_Neira Vilas_Premio Otero Pedrayo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a Neira Vilas como a proba de que Galicia deixou de ser o que foi e é o que é “porque conta con fillos que atesouran unha forza enorme para facela máis sólida e máis grande”. “A literatura de Neira Vilas é a aplicación práctica dese principio”, abundou.

Durante o acto de entrega do Premio Otero Pedrayo na Deputación de Pontevedra, Feijóo subliñou que ademais de rebelarse contra o determinismo, o máis asombroso do galardoado non é a cantidade inxente de libros ou de artigos que se van sumando á súa biografía, senón que todo iso o fai “sen asomo ningún de fachenda nin de violencia verbal”. “Rescata da memoria nenos labregos, pero tamén toda unha Galicia, cunha admirable tranquilidade”, aseverou.

Nesta liña, incidiu en que letra a letra, “a obra de Neira Vilas é unha revelación das nosas amarguras, e tamén das nosas capacidades para erguernos, que xorde dunha serenidade abrumadora”. “Non hai fanatismo ningún. O seu compromiso social nace nada máis -e nada menos- que describindo a verdade. Poderíase dicir que as súas formas son as mesmas que comparten a maioría dos galegos. Neira Vilas é un de nós. Por iso nos conquista”, engadiu.

 

Durante a súa intervención, o titular da Xunta subliñou que ademais de franqueza na súa obra, “hai bondade na persoa”, ao sentirse a gusto poñendo o seu gran de area desde a Fundación Neira Vilas, ou en cada centro de ensino que o chama, en cada concello que llo pide e en cada fundación que lle reclama a súa presenza.

Feijóo afirmou que Galicia está en débeda con Xosé Neira Vilas polos seus libros, “por volver á que sempre foi a túa casa e traer á terra todo o aprendido”. “Está en débeda contigo por abrirnos ao mundo coa historia de Balbino, que é a máis lida e traducida da literatura galega. Pero, por se todo iso fose pouco, Galicia tamén está en débeda contigo pola túa enorme xenerosidade”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar