Máis de cinco millóns para infraestructuras agrarias en Ourense

Baltar_Rosa Quinana_conselleira Agricultura_sinatura convenio actividade agraria
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, asinaron hoxe en Ourense un convenio de colaboración para investir máis de 5 millóns de euros (5.728.947 €) en infraestruturas agrarias para o rural da provincia de Ourense. Este acordo é o primeiro dos catro que a Xunta asina coas deputacións de Galicia e permitirá financiar actuacións no marco do programa de mellora de camiños de titularidade municipal nos exercicios de 2014 e 2015.

A Deputación de Ourense achega en total máis de 619.000 euros (229.753 € en 2014 e 389.550 € en 2015) desta actuación que está financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural cunha porcentaxe do 75 %; polo Ministerio de Agricultura (12,13 %) e con fondos da Xunta de Galicia, onde se inclúe a achega da Deputación de Ourense (12,87 %).

Os obxectivos deste programa son a realización de melloras das infraestruturas no medio rural, e nun contexto de crise económica e financeira como a actual, a Administración autonómica e as entidades que integran a Administración local consideran necesario reforzar a colaboración co fin de pór en marcha actuacións que redunden na mellor prestación de servizos á poboación por parte dos concellos. Desta maneira, a FEGAMP e Agader consensuaron os criterios de distribución das asignacións económicas aos concellos para desenvolver o Plan Marco programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, que se executará por Agader a través de subvencións aos concellos en réxime de concesión directa.

Manuel Baltar considera que esta actuación “nace da cooperación entre administracións e contribúe a vertebrar o territorio, poñendo a disposición dos concellos a posibilidade de realizar obras de mellora que, unidas aos proxectos do plan provincial de obras e da rede viaria provincial, permiten mellorar as contornas, os municipios e, en definitiva, a calidade de vida dos veciños do rural”. Asemade, o presidente provincial destacou a colaboración que a Deputación está a manter coa Xunta de Galicia a través do Inorde para levar a cabo proxectos nos ámbitos da castaña, as razas autóctonas e o sector do viño, entre outros, “colaboración que favorece a competitividade e dinamiza a economía do rural ourensán”.

Rosa Quintana, pola súa banda, dixo que logo de dous invernos “moi duros” para o rural galego “este programa de mellora de infraestruturas permitirá facerlle a vida máis fácil aos habitantes do rural, pois o noso obxectivo é que no rural dispoñan da mesma comodidade que nas cidades para desenvolver as súas actividades cotiás”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar