Un can enfermo e abandonado consegue un fogar a través do Centro de Acollida de Armenteira

Can do Caan_2
O can, a chegada ao Centro de Armenteira.
Can do Caan_3
O can, na actualidade

 

A de Ángel é unha historia de afectos a primeira vista. A historia dun can que, na recta final da súa vida, estaba condenado a morrer só, enfermo e abandonado. Pero a quen o Centro de Acollida de Animais de Armenteira e o “anxo da garda” que un día o atopou en Sanxenxo, lle permitiron cambiar tristura por alegría, maltrato por cariño.
Ángel é un dos moitos cans que cada día chegan ao Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra. Pero o seu caso é toda unha historia de sensibilidade e de afectos.
Chegou ao CAAN o 2 de agosto, da man dun particular que o atopou nun polígono do concello de Sanxenxo nun estado lamentable e que pensou que no centro de Armenteira quizais puideran facer algo pola súa recuperación.

Sarna, cegueira, articulacións inflamadas, fame… non facían albergar demasiadas esperanzas de futuro.
Cando chegou ao centro case non tiña pelo, a súa pel estaba en moi mal estado, chea de costras debido á sarna xeneralizada que padecía. Apenas andaba, tiña todas as articulacións inflamadas e non podía ver, non só polas cataratas que padece debido á súa avanzada idade, senón polas úlceras corneais que presentaba en ambos os dous ollos.
Os primeiros días no centro a súa evolución non era favorable, non comía e mesmo chegou a padecer un proceso respiratorio. Parecía que cada día se apagaba un pouquiño máis, pero os veterinarios do centro puxeron todo o seu empeño en sacalo adiante.

O RESCATADOR

Tamén fóra do CAAN alguén seguía a preocuparse por el. O seu rescatador chamaba a miúdo para interesarse polo seu estado e, aínda que nos primeiros días as noticias que o persoal do centro lle puido dar non eran moi esperanzadoras, pouco a pouco os esforzos e a perseveranza do persoal do centro e o carácter loitador de Ángel foron dando os seus resultados.
Ángel comezou a comer e a responder ben ao tratamento. Cada semana a melloría era moi evidente e, por fin, o pelo comezou a agromar e púidose saber que era de cor canela.Can do Caan_1
Foi neste momento cando Ángel Manuel Fontán, o particular que o recollera en Sanxenxo e que nunca deixou de interesarse por el, decidiu adoptalo e darlle uns últimos anos de vida dignos e felices.
Ángel atópase agora no seu novo fogar, co anxo da garda que non só lle deu unha oportunidade de recuperarse, senón que decidiu ser o seu protector e compañeiro na recta final da súa vida.

CAMPAÑAS DE SENSIBILIZACIÓN

Esta é unha das moitas historias con final feliz que semana a semana se viven no CAAN. Historias nas que a sensibilidade e o altruísmo dunhas persoas trata de compensar e remediar a irresponsabilidade de outros.
Por iso, a Deputación de Pontevedra está a traballar xa no deseño e preparación dunha segunda campaña de concienciación e sensibilización social destinada a promover o respecto aos animais e o seu benestar, así como a promover as adopcións.
Neste sentido, desde o CAAN lembran que a adopción é unha das mellores fórmulas para as persoas interesadas en ter e coidar un animal.
O propio centro facilita a adopción de forma totalmente gratuíta, premiando así a decisión de adoptar fronte a de comprar un animal. Os animais adoptados no CAAN son entregados aos seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados co correspondente microchip.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar