Louzán e Gil, optimistas ante os viños escumosos das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o seu homólogo na Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil, coincidiron esta mañá en destacar as posibilidades de futuro dos viños escumosos das Rías Baixas e a oportunidade que representa para a diversificación e a ampliación de mercado dos seus produtos.
Fixérono nunha rolda de prensa celebrada no Pazo Provincial e na que incidiron na necesidade de crear unha imaxe de marca e unha nomenclatura propia “acorde coa calidade do produto” e que facilite e mellore a súa comercialización.
Este é precisamente o obxectivo do concurso de ideas convocado por ambas as dúas institucións e que premiará con 5.000 euros a idea gañadora.
Neste sentido, Rafael Louzán subliñou que a Denominación de Orixe está a comercializar nestes momentos un “un produto de máxima calidade, pero a súa identificación non é acorde coa calidade do produto”, polo que definir un novo nome e unha nova imaxe que o identifique é fundamental para sacarlle o máximo rendemento.
“Hai un segmento de mercado moi importante para estes viños escumosos que creo que debemos aproveitar –asegurou Louzán- e que quizais neste momento non estea sendo aproveitado en toda a súa dimensión”.
No mesmo sentido se manifestou Juan Gil, para quen deste concurso de ideas te que “xurdir un nome que identifique este produto, que ten un longo porvir” como o demostra a súa evolución no pouco tempo que as adegas o levan elaborando.
“A normativa que o aprobou ten só dous anos, pero ten un longo percorrido por diante e pode ser un bo produto para a nosa Denominación de Orixe”, concluíu Gil, para quen o requisito principal para a nova marca será “que reflicta os atributos dos nosos viños: atlánticos, frescos; e as características dun escumoso: a espuma, a burbulla, a alegría, a festa…”.

CONCURSO ABERTO

O concurso é aberto ao público en xeral e cada candidato deberá presentar unha única proposta versátil con capacidade de adaptarse en diferentes formatos e espazos, pois deberá convivir con outros logos e marcas da propia DO.
O concurso está dotado cun único premio de 5.000 euros e os interesados terán ata o 16 de outubro para presentar as súas propostas no Rexistro Xeral da Deputación. Un xurado formado por técnicos da Deputación e da Universidade de Vigo resolverá o concurso.
Entre os membros do xurado figuran dous profesores da Universidade de Vigo, dous representantes da D.O. Rías Baixas e o xefe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
VENDIMAS
Durante a rolda de prensa, o presidente da D.O, Rías Baixas fixo tamén un primeiro balance da vendima de 2014, na que, segundo indicou, se agarda superar os 23 millóns de quilos de uva.
Neste sentido, asegurou que, aínda que houbo momentos preocupantes, como os brotes de botrite ou a semana previa ao inicio da vendima na que as choivas fixeron temer posibles problemas, finalmente foi unha “vendima tranquila e relaxada” e na que a uva que chegou ás adegas “foi dunha calidade excelente”.
Trátase dunha colleita “típica da DO tradicional Rías Baixas, con boa acidez e frescura”, como a do pasado ano e a diferenza da de 2010, que tiña certa falta de acidez, e que permitirá “recuperar os viños clásicos e típicos da nosa DO, viños frescos, con boa acidez e con boa capacidade de aguantar nos próximos anos”.

DENOMINACIÓN RIAS BAIXAS

A Denominación de Orixe Rías Baixas está presente en 30 dos 62 concellos da provincia e en 6 da subzona da Ribeira do Ulla, na provincia da Coruña. Factura anualmente 150 millóns de euros e da ocupación fixa a 7.000 familias e temporal a outras 5.000.
A Deputación a DO veñen desenvolvendo distintas colaboracións para potenciar un sector estratéxico para a provincia. Entre elas, destacan o plan de promoción e actividades, a Ruta do Viño ou a próxima celebración dun Foro para debater cuestións e estratexias fundamentais para o sector do viño albariño.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar