A serie de TVG «Serramoura» acada na estrea o liderado absoluto

Serramoura_TVG

A serie de ficción “Serramoura” da TVG e Voz Audiovisual recibiu nunha excelente acollida por parte do público televisivo galego na súa estrea de onte domingo sendo líder absoluto da audiencia media e un total de 350.000 espectadores que conectaron nalgún momento co programa.

Cunha audiencia media de 187.000 espectadores e o “minuto de ouro” ás 22.41 horas con 210.000 espectadores, “Serramoura” superou sen dificultade a oferta da competencia que, no caso de Tele 5, foi “Gran Hermano” ao que a serie de ficción da Televisión de Galicia superou en 32.000 espectadores máis, o Peliculón de Antena 3, que emitiu “Torrente 3”, con 48.000 ou a película de La1 “O lado oscuro da lúa” á que a Galega gañou en 78.000 espectadores máis de audiencia media.

“Serramoura” conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior de Galicia que vive da explotación madeireira. Dúas sagas familiares, os Soutelo e os Fiúza, loitan polo control do negocio, o que dá pé a numerosos episodios de rivalidades. A situación vólvese máis tensa cando aparece, brutalmente asasinada, unha das veciñas da localidade. A medida que avanza a investigación policial sairán a luz os secretos, as miserias e os conflitos desta pequena localidade do interior galego.

A trama está ambientada nas paraxes forestais máis fermosas de Galicia o que favorece a súa calidade estética nas gravacións de exteriores, que ocupan case a metade das secuencias da serie. Tamén transporta o espectador ata escenarios inquietantes e misteriosos que á fan máis atractiva. Na produción de “Serramoura” colaboraron estreitamente entidades como a Garda Civil, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia ou a asociación gremial Confemadera Galicia.

Dirixida por Miguel Conde e Jorge Saavedra conta cun elenco de actores excepcional como Lucía Regueiro e Miguel Angel Blanco, que levan o peso da investigación dos personaxes de Marga Neira e Diego Bazán. Xunto a eles completan o reparto actores da talla de Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Miguel Borines, Isabel Naveira, Uxía Blanco, Sabela Arán ou Xosé Barato.

O segundo capítulo de Serramoura emitirase o vindeiro domingo 9, ás 22.00 horas pola TVG.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar