O PP a prol da independencia catalá

Morreu o  abatido secesionismo catalá? Non. Fallaron o tiro. Equivocáronse de presa. E, o que é peor, marraron na arma empregada. Dispararon coa acción xudicial para impedir unha consulta popular. Dispararon co canón do Tribunal Constitucional, montado, cebado e servido por unha dotación adicta, moito antes de que Artur Mas lles puxese a tiro a peza, sen darse conta que o referendo era só unha sombra na carballeira política. Non perciben que a independencia dunha nación non é unha explosión, senón un proceso. Eles dispararon, din, coa legalidade, e remataron ao 9-N contentos e arrufados.

Pois non. O que fixeron foi apuntalar a independencia. Con estes disparos á democracia (non me falen de leis, fálenme de política) situaron a Catalunya aínda máis lonxe de España. Arrombaron na ilegalidade a unha maioría social e política. Non é preciso contar os manifestantes nas rúas. Tampouco ollar máis dos dous terzos do parlamento a prol da consulta. Se non fosen tan miopes, enxergarían a maioría que se pronuncia por un referendo no 96 % dos concellos.

Si, porque o grande problema que ten a «legalidade española» é que esta, como todas, como os sacrosantos Principios do Movemento Nacional, se transforma ou muda derrubada pola vontade popular. Negociando ou con feitos consumados. Así, as eleccións municipais van ser moito máis determinantes co referendo.

Non existe ningún proceso soberanista aceptado pola metrópole. Sempre foi imposto, conquistado por un pobo que decide emprender o seu camiño.

As soflamas de Mariano Raxoi e da «furia española» de hoxe son cuspidiñas ás empregadas cando a independencia de Cuba. Co fácil que lles tería sido facer política. Transferirlle á Generalitat as competencias do artigo 150.2 da Constitución para que puideran realizar un referendo non vinculante.

Existen moitos cataláns que reclaman expresarse en referendo pero que non son nacionalistas. Existen moitos nacionalistas que non son independentistas. Pero, coa súa política, o PP veu creando moitos independentistas que non son nacionalistas. E iso demostra o seu grande fracaso. Por que PP e PSOE, que se apuraron en agosto do 2011 a reformar a Constitución de xeito expreses para contentar aos mercados, se parapetan agora na legalidade? Existe unha razón ideolóxica: están dispostos a ceder soberanía cara as superestruturas, cara a UE, pero ningunha cara o pobo.

Por que? Porque o problema non está situado en se a soberanía reside no pobo catalán ou no conxunto do Estado español, como afirman. O que se está a xogar é se continúa ou non o réxime nado no 1978. Quen detenta o poder no Estado. Así de claro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar