Máis de sete mil persoas achegáronse ao Salón do Automobil de Expourense

Expourense_Salón do Automóbil_4

Ramatou o 6º Salón do Automóbil – Vehículo Novo, unha cita organizada por Expourense en conxunto con Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O. que conseguiu satisfacer as expectativas dos expositores e as demandas dos máis de 7.500 visitantes (a falta de contabilizar os de última hora da tarde) que se achegaron ata o recinto feiral en toda a fin de semana para coñecer as últimas novidades en coches de 23 marcas e poder ver modelos que se presentaron en primicia neste salón. Esta tarde de domingo foi o momento de maior afluencia de público.

Os expositores mostraron a súa satisfacción tanto polas vendas realizadas como polas que se realizarán a medio prazo froito da visita a este salón. O feito de poder ver nun mesmo espazo toda a oferta en vehículos da provincia e o sorteo dun desconto de 6.000 euros entre os que mercaran aquí o seu coche contrubuíu a acelerar o proceso de decisión dunha compra que require dun importante desembolso económico. Dábase así resposta ao que dende A.C.A.U.T.O. se denominou “demanda latente en Ourense” que foi respondida por un público obxectivo e optimista que agardou ata o comezo do salón para mercar o coche que precisaban. Esta última tarde de domingo, resultaba doado atopar cartaces de “Vendido” en numerosos vehículos. Expourense, pola súa parte, sorteou estancias en Balnearios de Galicia.

Expourense_Salón do Automóbil_5

 

O 6º Salón do Vehículo Novo presentou en Expourense a maior concentración de vehículos do ano en Galicia con coches de todas as gamas de 23 marcas: Alfa Romeo, Audi, BMW, Dacia, Fiat, Ford, Honda, Hyundai, Kia, Land Rover, Mazda, Mercedes-Benz, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Suzuki, Toyota, Volkswagen e Volvo. A oferta de automóbiles presentados cubría todas as necesidades (utilitarios, familiares, deportivos, monovolumes, suburbano, todoterreo…) e tamén todos os petos xa que había modelos novos a partir de 6.000 euros. O recinto feiral foi o lugar elixido por moita xente nova na busca do seu primeiro vehículo e de moitas familias que buscaban un más axeitado ás súas necesidades.

Facendo un percorrido por este salón, cada concesionario expositor tiña un espazo reservado para presentar a última novidade da marca, sexa un modelo novo ou ben unha nova versión dun xa existente. Nesta cita puidéronse atopar ademais coches recén chegados da factoría que se presentaron en Expourense por primeira vez en Europa e dos que aínda non hai ningún matriculado e que ata estes días non podían atoparse nos concesionarios españois.

Expourense acollerá a vindeira fin de semana, do 10 ó 12 de outubro o 6º Salón do Vehículo de Ocasión coa presenza dos memos concesionarios ca neste salón que hoxe pecha. O prezo de entrada será de 2 euros e os menores de 12 anos poderán entrar gratis.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar