A Xunta considera prioritaria a conciliación para a incorporación da muller ao traballo

Executivas_Carla_presidente Deputación Coruña_Susana López Abella
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella indicou hoxe que unha das prioridades da Secretaría Xeral da Igualdade é o fomento dunha conciliación corresponsable xa que resulta básica para conseguir a incorporación plena da muller ao mercado laboral e a súa permanencia nel, sen que a situación familiar poda chegar a ser un elemento discriminatorio.

Susana López Abella participou hoxe no II Encontro pola Corresponsabilidade de Galicia organizado pola Asociación Executivas de Galicia onde reiterou que a corresponsabilidade é un dos obxectivos fundamentais de cara a alcanzar a igualdade real na nosa sociedade.

A titular de Igualdade recalcou que este tipo de políticas deben considerarse como un elemento de investimento, xa que todas as actuacións que se desenvolvan neste ámbito constituirán un elemento creador de riqueza e cohesión social ao potenciar a existencia dunha cidadanía e unha sociedade máis participativa e integrada. Polo tanto, segundo as súas palabras, é necesario impulsar medidas que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade dos homes na atención das responsabilidades domésticas e familiares.

A conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a corresponsabilidade preséntanse como unhas necesidades que afectan a toda a sociedade e que, polo tanto, deben ter unha resposta conxunta implicando a todos os axentes, administracións públicas, organizacións, axentes sociais, e cidadanía en xeral.

Para iso, o VI Plan de Igualdade do Goberno galego, contempla actuacións de estímulo á corresponsabilidade na conciliación de vida profesional, familiar e persoal das mulleres e dos homes, agrupadas nun eixe concreto, denominado “Conciliación corresponsable e calidade de vida”.

O propósito xeral é progresar no desenvolvemento dun modelo de organización social máis aberto e proclive á corresponsabilidade, xa que − ademais dos beneficios que a conciliación xera na saúde e no benestar das traballadoras e dos traballadores, e entre as persoas da súa contorna familiar e social − son ferramentas de plena actualidade de cara á mellora do compromiso e da produtividade con respecto ao traballo. Inclúense actuacións dirixidas a estimular á racionalización de horarios e outras formas de organización dos tempos de traballo, facéndoos máis equitativos, flexibles e humanos para facilitar a conciliación dos homes e das mulleres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar