Homenaxe a 24 profesores xubilados no Día Mundial dos Docentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou hoxe na celebración do Día Mundial dos Docentes, que os docentes son “a forza máis poderosa para acadar a equidade no progreso e desenvolvemento dos países”, e polo que “apelar á necesaria inversión en profesores e calidade educativa, suporá un mellor futuro para as nosas sociedades”. Estas foron as primeiras verbas do conselleiro nun acto no que se rendeu homenaxe a 24 profesores que acaban de xubilarse tras unha vida de dedicación ao alumnado.

A homenaxe, celebrada no salón de actos do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), o titular do departamento educativo da Xunta sinalou que “os educadores precisades das competencias, os coñecementos e o apoio que vos permita satisfacer axeitadamente as distintas necesidades do alumnado, o que require investimento para a formación e capacitación continuada, así como condicións de emprego favorables e perspectivas de promoción profesional”.

RECOÑECEMENTO A UN LABOR PROFESIONAL

Doutra banda, o conselleiro asegurou que “a misión que tedes cumprido nos colexios e institutos, o agarimo e a paixón coa que educastes a distintas xeracións de rapazas e rapaces galegos, merece toda a miña admiración e recoñecemento”. Vázquez Abad rematou a súa intervención agradecendo “como compañeiro docente e responsable da política educativa na nosa comunidade, a vosa capacidade de educar, de buscar lugares comúns de entendemento co alumnado e espazos de coñecemento compartido”

Ao acto asistiron tamén o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recurso Humanos, José Manuel Pinal, e a concelleira de Servizos Sociais do concello de Santiago, María Corral así como numerosos docentes galegos. En representación do profesorado galardoado, interveu no acto María Dolores Lería Mateo. A homenaxe completouse coa actuación do Grupo de Música Tradicional da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que interpretou Alborada de Celanova de Francisco Landín, a Rumba do Pombal, de Xoán Carlos Rilo; e a peza popular Muiñeira de San Martiño de Ozón.

Con esta celebración, a Consellería recoñece o labor e dedicación dos docentes en prol da mellora da calidade do sistema educativo galego e da formación dos futuros cidadáns da Galicia do futuro. No transcurso do mesmo obsequiouse aos homenaxeados cunha placa conmemorativa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar