Un milleiro de apicultores participarán no Congreso Apícola Hispánico

Apicultura_apicultores

Mañá, venres, será inaugurado o VII Congreso Apícola Hispánico, organizado pola Asociación Galega de Apicultura, AGA, baixo o título ‘A apicultura, unha actividade multifuncional’ que se celebra ata o domingo día 5 no IES Rosalía de Castro de Santiago.

A cita, na que se agarda un milleiro de participantes, ten como obxectivo mostrar o extenso abano de actividades económicas que se desenvolven derivadas da apicultura e o potencial para novas iniciativas. A eses efectos, o congreso está estruturado nun programa científico que se complementa cunha variada oferta de actividades, exposicións, cata e concurso de meles monoflorais, concurso de apirelatos e diversos obradoiros.

O programa inclúe unha proposta de tres mesas redondas; a primeira prevista para o sábado ás 16 horas sobre ‘A saúde das abellas e o medio ambiente’, seguida ás 18 horas da titulada ‘Comercio do mel’. A terceira mesa redonda, o domingo ás 12 horas, estará centrada na Vespa Velutina, coa intervención, entre outros, de Gilles Fert, criador de raíñas en Francia; e Gonzalo Calvo, de AGA.

EXPOSICIÓNS

Durante os tres días do congreso, haberá diversas exposicións. Unha delas, denominada Expomel, inclúe cata-degustación e concurso de meles monoflorais, de xeito que todo o público participante poderá decidir mediante o seu voto os produtos gañadores, para os que se establecen premios que serán entregados na última xornada.
O público interesado poderá visitar tamén outra exposición nos corredores do claustro do Rosalía de Castro, denominada Apiarte, na que se exhiben as obras presentadas ao concurso de pintura apícola, unha serie de colmenas decoradas de Eslovenia e outra de abellas ibéricas.

A mañana do domingo concentra unha oferta de catro obradoiros, para descubrir e aprender sobre outras tantas actividades: elaboración de cervexa artesanal de mel, elaboración de produtos de cosmética apícola, cría de raíñas e elaboración de pensos para abellas.

RUTAS DE «APITURISMO»
O congreso de Santiago vai ser, asemade, unha oportunidade para explorar as posibilidades do turismo apícola unha actividade emerxente no contexto do turismo temático, que estará presente a través da iniciativa ApiRoutes de Eslovenia, posta en marcha recentemente con éxito por unha asociación de apicultores e unha axencia de viaxes que fan excursións e rutas de» apiturismo» no país. Participan no congreso cun stand e unha conferencia sobre apiturismo. Trátase dunha forma especializada de turismo na que se ofrece viaxar e aprender sobre as prácticas únicas da apicultura neste país de longa tradición apícola, con excursións para descubrir a interacción das abellas coas flores. É unha innovadora forma de adquirir e intercambiar experiencias para descubrir o mundo da apicultura.
O último día, o domingo, será xornada de portas abertas no encontro, para que todas as persoas interesadas visiten a ampla oferta de exposicións e actividades do congreso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar