O cantante cego Serafín Zubiri, esta noite no Luar da TVG

Gayoso_Luar

Os espectadores de “Luar” coñecerán esta noite auténticas historias de superación, as de persoas que, con moita forza de vontade e optimismo, conseguiron superar ou convivir son situacións desfavorables. Bo exemplo disto é o cantante Serafín Zubiri, que hoxe actuará no programa. A súa cegueira de nacemento non lle impediu sacar adiante a súa carreira como cantante e deportista, xa que practica atletismo, ciclismo e deportes de montaña, chegando mesmo a escalar o cumio do Aconcagua.

O espazo da TVG tamén recibirá a visita do actor e rapeiro El Langui, que naceu con parálise cerebral, o que non foi óbice para triunfar na música, no cine e na televisión e para facerse con dous premios Goya. Ademais de actuar en solitario, ao final do programa interpretará a canción “El emigrante” a dúo con cantante Juan Valderrama, outro dos convidados do “Luar” deste venres.

Ademais, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro presentará a historia de Víctor Tasende, que pasou de quedar tetrapléxico con 17 anos a disputar oito anos despois a Titan Desert dando pedaladas coma o que máis; e de Suso Trillo, un gaiteiro ao que lle faltan varios dedos, pero que toca o seu instrumento favorito grazas a un punteiro a medida.

No capítulo musical, “Luar” contará tamén coa presenza de El Combo Dominicano, unha das orquestras de moda en Galicia; e da cantautora gaditana Merche. Os seus discos de ouro e de platino e unha candidatura ao Grammy Latino acreditan o recoñecemento público a unha figura que medra disco a disco, canción a canción, para completar o retrato dunha artista chea de personalidade e naturalidade. A artista ofreceralles hoxe aos espectadores un adianto do seu novo disco, “Quiero contarte”, que sairá á venda o vindeiro 20 de outubro.

Non faltará esta semana unha nova edición do concurso “Recantos” e do “Vai de Gaita” infantil. No primeiro, medirán as súas voces Pablo Couto, representante da comarca do Miño; e Ana Fanego, procedente da Terra Chá. No segundo, chegará a quenda de Manuel Rodríguez e de Manuel Fernández, que tocarán, como sempre, unha peza en solitario e outra con acompañamento musical.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar