Posta a proba dos equipamentos técnicos e humanos para dar resposta a vertidos contaminantes

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu esta mañá ao simulacro de accidente ambiental marítimo organizado polo seu departamento a través de Portos de Galicia, con colaboración de Gardacostas e Intecmar, no porto da Pobra do Caramiñal. Este exercicio, enmarcado no proxecto europeo Netmar de prevención e loita contra a contaminación mariña, permitiu testar o funcionamento dos equipamentos técnicos e humanos de resposta a posibles vertidos contaminantes no litoral galego.

O simulacro recreou un suposto vertido de amoníaco no porto da Pobra do Caramiñal, con dispersión da mancha cara á ría de Arousa. A tarefa dos equipos de intervención concentrouse na detección, seguemento permante da dispersión do vertido, recuperación e tratamento do líquido. Para isto mobilizouse un operativo composto por unha ducia de embarcacións e máis de 60 tripulantes. Empregáronse tamén diferentes equipos tecnolóxicos de I+D+i, entre eles, un robot terrestre, que permitiu inspeccionar o buque supostamente accidentado e dous submarinos de metro e medio de lonxitude non tripulados, que avaliaron os danos no casco da embarcación. Así mesmo probouse o funcionamento dun dron aéreo de cara a comprobar as condicións necesarias para o seu emprego. O operativo posto en marcha permitiu, entre outros avances, realizar un seguimento en directo da evolución da mancha a través de imaxes tomadas por diversas cámaras e emitidas on line nunha plataforma de control interno.

O equipo técnico e humano estivo formado, entre outros, polos socios do proxecto Netmar, financiado pola Unión Europea, entre os que figuran institucións e colectivos profesionais británicos, irlandeses e portugueses. Dende Galicia, ademáis da Consellería do Medio Rural e do Mar, participaron a Universidade de Vigo, Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, SASEMAR, Garda Civil do Mar, Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, asociacións de mexilloeiros e Protección Civil da Pobra.

Tralo desenvolvemento do exercicio, a conselleira do Medio Rural e do Mar destacou a importancia de “testar as condicións necesarias para aplicar tecnoloxías de I+D+i á loita anticontaminación” e lembrou que o simulacro é “unha mostra do traballo que se desenvolve diariamente para que a nosa comunidade estea cada vez mellor preparada para responder ante un posible accidente ambiental marítimo” . Así mesmo afirmou que o simulacro, que deu continuidade a outro organizado polo programa Netmar o pasado ano en Irlanda, “serviu para coñecer na práctica as fortalezas e feblezas dos nosos equipos e a capacidade de resposta coordinada das operacións en terra e mar dos operativos de loita contra a contaminación nas costas”.

Finalmente, Quintana ratificou que “a seguridade marítima, dende todas as súas perspectivas, é unha prioridade absoluta para a Consellería do Medio Rural e do Mar. Neste sentido, a seguridade ambiental e a sustentabilidade da actividade marítimo portuaria é unha liña de traballo permanente”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar