Miranda visita a diáspora en Venezuela

Miranda_despacho_bandeirasO secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, realiza desde hoxe unha nova viaxe a Venezuela, onde, ademais de coñecer a actualidade da diáspora mediante o contacto directo cos galegos e galegas residentes naquel país, participará no acto de entrega de certificación da Medalla de Honra da Emigración, na súa categoría de ouro, á Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

No mesmo acto, realizarase a entrega de similar galardón, na categoría de prata, a catro personalidades destacadas da diáspora: Agustín Monge Pelegrín, Francisco Álvaro Gómez García, José Benito Pérez Vázquez, e Felisindo López Lorenzo.

O evento, que terá lugar na sede da propia Hermandad, estará presidido polo director xeral de Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, Aurelio Miras, encargado da entrega da certificación oficial. E, ademais de Miranda, estarán tamén presentes o embaixador de España en Venezuela, Antonio Pérez-Hernández; o cónsul xeral, Paulino González; e mailo conselleiro de Emprego e Seguridade Social da legación española, Juan Santana.

Estas medallas de honra, tanto na súa categoría de ouro coma de prata, son o máximo recoñecemento do Goberno Central ao labor de persoas e institucións en favor da diáspora española, e o seu outorgamento engade unha nova distinción ás moitas que neste aspecto atesoura a Hermandad, unha das comunidades galegas no Exterior máis sobranceiras.

Trala entrega da certificación á Hermandad, Miranda asinará unha addenda ao convenio de colaboración entre a institución que dirixe e maila Fundación España Salud, entidade prestataria de servizos socio sanitarios, para reforzar a asistencia da poboación galega residente en Venezuela.

‘Compostelas’ no Exterior

Xa mañá xoves, Miras e Miranda visitarán o Hogar de San José, unha das institucións que precisamente acolle a galegos que, pola súa idade e/ou condicións socio sanitarias, precisan de atención especializada.

Despois, Miranda asistirá ao acto de entrega das ‘compostelas’ (documentos acreditativos de ter realizado o Camiño de Santiago) aos rapaces e rapazas orixinarios de Venezuela e que participaron este ano, canda outros dos demais países iberoamericanos e de Europa con presenza da diáspora galega, no programa ‘Conecta con Galicia’, da Secretaría Xeral da Emigración. Cómpre salientar que unicamente se entregan estas acreditacións fóra de Santiago precisamente á mocidade integrante deste programa.

A axenda de Rodríguez Miranda en Venezuela rematará cun encontro co embaixador, o director xeral de Migracións, e a directiva do CRE (Consello de Residentes Españois) daquel país.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar