Puy apunta que «o PP non se preocupa» pola «efervescencia organizativa da esquerda»

  Puy PP

  O voceiro parlamentario dos populares galegos, Pedro Puy, sinalou este luns que «o PP non se preocupa» pola «efervescencia organizativa» da «esquerda máis situada á esquerda».

   Preguntado pola posibilidade de que conflúa unha alternativa electoral de diversas mareas, movementos cidadáns e partidos políticos en Galicia, nun contexto no que os populares avogan por unha reforma electoral para que goberne a lista máis votada nas municipais de 2015, Pedro Puy afirmou que «o PP non se preocupa polos debates organizativos que teñen os partidos de esquerda», dado que os populares «teñen programa e persoas» para «dar resposta» aos problemas da sociedade «nun momento complexo como o actual».

   En rolda de prensa, Pedro Puy indicou que «esa reforma electoral está sen concretar, siquiera sen formular, e subliñou que o PP «ten intención de falar de distintas medidas de rexeneración democrática, entre elas esa». «Estamos a falar dunha hipótese que non está confirmada», deixou claro.

   «Polo tanto, temos pouco que dicir cara a esa efervescencia organizativa que ten a esquerda, principalmente a esquerda máis situada á esquerda», resolveu, antes de agregar que, «polo tanto, ningún tipo de problema cos movementos dese ámbito por parte do que é o Partido Popular».

   Preguntado polas críticas de Beiras — nunha entrevista á Cadea SER — aos populares por impulsar unha reforma electoral para que goberne a lista máis votada, Puy dixo «non se sentir identificado con eses calficativos». Así mesmo, cre que «o máis positivo» desas palabras «é que demostran que o señor Beiras, segundo tamén el dixo, pasou algún problema de saúde este verán está perfectamente recuperado». «E nós felicitámonos pola súa pronta recuperación», agregou o voceiro parlamentario do PPdeG.

MONUMENTO FRANQUISTA DE VIGO

   Noutra orde de cousas, Puy foi preguntado sobre a decisión do titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo Número 2 de Vigo, Antonio Martínez Quintanar, de condenar ao Concello de Vigo a que proceda de inmediato a tomar as medidas oportunas para retirar o monumento franquista da cruz de O Castro, tras estimar o recurso interposto pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.

   Sobre esta cuestión, Puy dixo que a decisión de retirar o monumento franquista «é unha decisión que lle compete ao Goberno municipal» de Vigo. «Eu non coñezo nin a sentenza, nin os seus fundamentos, nin exactamente cál é a situación, en todo caso respecto tanto as sentenzas como as decisións que no seu ámbito competencial adopten os órganos municipais ao respecto», se limitou a responder.

PLENO

   Por outra banda, Puy informou sobre a orde do día do pleno do Parlamento galego que se celebrará esta semana, no que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, abordará as políticas contra a violencia de xénero; mentres que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, falará sobre o plan de prioridades sanitarias.

   Así mesmo, os populares levará a Pleno dous proposicións non de lei sobre as actuacións que desenvolverá o Goberno galego en atención a pacientes de lesións medulares, e outra sobre a emisión pola Administración Xeral do Estado dun informe único para a súa incorporación polos concellos á tramitación dos instrumentos de plan urbanístico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar