A pregunta correcta no caso Pujol

Ensinoume o profesor Blanco Tobío que só efectuando a pregunta axeitada se pode obter a resposta correcta. Para min a pregunta axeitada no denominado caso Pujol é esta: como unha práctica corrupta levada a cabo durante máis de 30 anos non tivo transcendencia até de agora?

Formuleilla a ben persoas, incluído alguén ben próximo ao fundador de Convergencia Democrática de Catalunya. Estas foron as conclusións que acadei.

A práctica de doazóns ilegais e comisións empresariais recadadas polo president da Generalitat eran coñecidas polos distintos gobernos do Estado a través de informes dos distintos servizos secretos, tantos españois coma foráneos. Como tamén o eran esas evasións de capitais.

Estas prácticas non só foron denunciadas en varios libros, senón no mesmo Parlamento catalán, sendo a máis esboirante a realizada por Pascual Maragall.

Desde o Estado non se denunciou, non se investigou, e menos se actuou de oficio desde a fiscalía. Por que? Polo Pacto da Transición. Daquelas acordaron que era necesario apoiar aos «partidos de orde»: AP, PSOE, CiU e PNV, primándoos na representación electoral e permitindo o seu financiamento irregular.

AP foi estruturada polos mesmos servizos secretos españois, co coronel Calderón á cabeza, antes que Botín tomase as contas nas súas mans e nomease aos dous responsábeis para xerencialas. A Fundación Eisenhower, botaríalle unha man ao PSOE a través de Flick e ao PP máis directamente. CDC tiña a súa propia vía. Pero tamén a Generalitat, que consideraba necesario dispor no estranxeiro dun peto suficiente para seguir funcionando se viñan mal dadas e se disolvía a
autonomía. A Tarradellas financiarao o propio Estado español para usalo contra a esquerda catalá e contra o nacionalismo. Ese papel de contención, coa axuda do Estado, asumiríao logo o propio Jordi Pujol.

O proceso independentista, co apoio de CDC e do propio Jordi Pujol, racharía os pactos da Transición co nacionalismo moderado catalán. A Generalitat aumentaría as transferencias ao exterior ante o risco de involución e ante as necesidades posíbeis do «novo Estado catalán». Jordi Pujol asumiría o deber de controlar o diñeiro estranxeiro apoiándose na súa familia, pois era en quen máis confiaba. Até que punto se aproveita a súa parentela desta práctica, como fixo Bárcenas no PP? As respostas non coinciden.

No que non existe dúbida é de que o PP, que non sabía como entrarlle ao problema catalán, atopou unha panca de apoio para tentar dinamitalo. Pero, están en condicións de chegar até o final como afirmou o ministro Montoro?

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar