Feijóo defenderá en Bruxelas o peso da demografía na política de cohesión

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, viaxará os próximos 8 e 9 de setembro a Bruxelas para participar no VI Foro da Cohesión “Promoción do desenvolvemento e o bo goberno nas rexións e cidades da UE”. A súa asistencia débese á invitación realizada polo comisario europeo de Política Rexional, Johannes Hahn.

Durante a súa intervención, ademais de sinalar o impacto da política de cohesión en Galicia e a mellora dos seus resultados, Feijóo defenderá, de cara ao seu futuro, o mantemento desta política para todas as rexións, con independencia do seu nivel de desenvolvemento, e un maior peso dos factores demográficos.

Cómpre salientar que o Foro da Cohesión é o maior evento en torno á política rexional que a Comisión Europea celebra periodicamente para debater sobre o último Informe da Cohesión, documento que cada tres anos avalía e reflexiona sobre o impacto desta política na Unión Europea. O pasado 23 de xullo, a Comisión aprobou o sexto Informe da Cohesión no que se presenta a política rexional como o instrumento de investimento por excelencia da UE e se destaca a súa especial relevancia en tempos de crise, nos que os investimentos públicos presentan un descenso nos Estados membros.

DESAFÍOS

Este Foro contará coa participación de representantes políticos ao máis alto nivel, tanto europeo coma nacional e rexional, que debaterán sobre a mellora da eficacia, da capacidade institucional e da coordinación entre os fondos estruturais e os diferentes niveis de goberno. Entre os participantes encóntranse José Manuel Barroso, presidente da Comisión Europea; Martin Schulz, presidente do Parlamento Europeo; Herman Van Rompuy, presidente do Consello Europeo; Johannes Hahn, comisario de Política Rexional; e Matteo Renzi, primeiro ministro italiano, entre outros presidentes ou ministros rexionais dos estados membros.

O primeiro debate incidirá na estreita relación entre a política de cohesión e o goberno económico na UE e o segundo, no que participa o presidente do Goberno galego, abordará as oportunidades e os desafíos da política de cohesión durante este novo período e máis alá de 2020. Trátase, pois, dunha grande oportunidade para achegar a visión dunha rexión con ampla experiencia na xestión de fondos comunitarios e que experimentou un considerable crecemento económico dende a súa adhesión á UE.

O titular da Xunta compartirá a mesa de debate con ministros de Reino Unido, República Checa, Portugal e a rexión alemá de Renania do Norte-Westfalia, unha das rexións máis poboadas -18 millóns de habitantes- e desenvolvidas da Unión Europea.

A Política de Cohesión é tradicionalmente unha das partidas con máis peso no orzamento europeo e o principal instrumento de investimento da UE. Para o período 2014-2020 o importe total é de 325.000 millóns de euros, un terzo do orzamento total da Unión. Neste período orzamentario, a UE busca simplificar a normativa e acadar unha maior coordinación entre os diferentes fondos estruturais, coa finalidade de aproveitar mellor os recursos existentes. O apoio ás pemes, á I+D e a innovación, á educación, á loita contra o desemprego e á exclusión social, encóntranse entre as prioridades de actuación.

Para Galicia, a política rexional ten suposto o investimento de máis de 18.000 millóns de euros na comunidade galega, dende a adhesión de España á UE en 1986. E, no actual período 2014-2020, Galicia manterá arredor de 2.800 millóns de euros

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar