A Policía autonómica presenta preto de 300 denuncias polos resíduos de aceites

A Policía Autonómica efectuou, ata o pasado 30 de xuño, 278 denuncias tras inspeccionar o control de residuos de aceites vexetais en 682 establecementos.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, colaboradora co corpo de seguridade nesta campaña, explicou que os controis tiñan o obxectivo de comprobar que as empresas realizan “de xeito correcto” as actividades autorizadas, ao mesmo tempo que non desempeñaban outras sen permiso.

En concreto, os lugares inspeccionados son comedores e restaurantes de Galicia, tanto privados como públicos, entre os cales se atopan centros da terceira idade e comedores educativos ou colectivos, ademais doutros establecementos.

Ademais das inspeccións, a Unidade de Policía Adscrita (UPA) desenvolveu investigacións policiais sobre empresas e particulares sospeitosos de realizar operacións ilegais con este tipo de residuos e aceites, despois de “ser denunciados por outras entidades do sector”.

RESULTADOS DO DISPOSITIVO

Como resultado do dispositivo, a Policía Autonómica realizou 164 inspeccións en Lugo, 140 en Ourense, 139 en A Coruña, 110 en Santiago, 76 en Vigo e 53 en Pontevedra, segundo comunicou a Xunta.

En canto ás denuncias efectuadas, a sede con máis trámites é Lugo, con 103; seguida de Santiago, con 78; A Coruña, con 72; Ourense, con 10; Vigo, con nove; e Pontevedra, con seis.

Neste sentido, Medio informou de que a Secretaría Xeral de Calidade está a tramitar “dez expedientes sancionadores” relacionados coa xestión de aceites vexetais.

Destes expedientes, sete pertencen á provincia de A Coruña por exercicio de actividades de valorización sen autorización e obstrución á inspección; dous son na provincia de Lugo, tamén por valorización sen permiso; e por último, un en Pontevedra por almacenamento sen autorización.

Estes informes, cualificados como “graves” pola comisión de infraccións, poden levar á imposición de multas –que oscilan entre os 900 e os 45.000 euros–, á inhabilitación para desenvolver actividades relacionadas con residuos ou á suspensión, de ata un ano, da autorización incumprida.

Por outra banda, a Xunta recordou que, aínda que a campaña de inspección citada rematara, o persoal de investigación ambiental da UPA “continúa coas xestións e inspeccións” sobre o sector, co obxectivo de velar “polo estrito cumprimento” da normativa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar