“O gatopardo” de Visconti abre o ciclo lírico en A Coruña

                 Programa da temporada lírica en Afundación

“O gatopardo” de Visconti é o filme que inaugura o ciclo de cine da nova Temporada Lírica da Coruña. A actividade, que terá lugar no Centro Sociocultural de Afundación, Cantón Grande s/n, o vindeiro luns, 1 de setembro, ás 19.30h, estará seguida doutras tres proxeccións, dous delas tamén de Visconti, Morte en Venecia e O inocente, e Medea de Pasolini; todas elas de acceso libre e gratuíto. En todas as películas o espectador poderá apreciar as creacións de vestiario do deseñador Piero Tosi, gañador dun Óscar, que deixan constancia da súa pericia co vestiario histórico e da súa longa colaboración con Visconti, o que segue sendo a columna vertebral da súa carreira.

A Temporada Lírica da Coruña comezou ás súas actividades o pasado 20 de agosto coa inauguración da mostra «Piero Tosi, un deseñador de Oscar», esta é a primeira vez que se exhibe en España e que se pode ser visitada no Centro Sociocultural de Afundación ata o 7 de setembro, de luns a sábado de 12.00 a 14.00h e de 17.00 a 21.00 h. Coincidindo coa programación de A traviata na Temporada, nunha nova produción cuxo vestiario está inspirado no que o deseñador Piero Tosi realizou no seu día para o filme O gatopardo, Amigos de la Ópera, a Fundación Tirelli de Roma e Afundación organizan esta mostra con algúns dos vestidos orixinais que o cinco veces candidato ao Oscar, e gañador do Oscar Honorífico por toda a súa carreira o ano pasado, deseñou para filmes como Morte en Venecia de Luchino Visconti e Medea de Pasolini, a única película que protagonizou María Callas.

Tosi é un dos máis grandes deseñadores de vestiario, traballou con Luchino Visconti, Federico Fellini e Pier Paolo Pasolini, entre outros, e aos seus oitenta anos aínda ensina no Centro Experimental Cinematográfico de Roma. As súas alumnas Milena Canonero e Gabriella Pescucci están entre as máis prestixiosas deseñadoras do cine actual, con Oscar gañados por María Antonieta (S. Coppola) e A idade da inocencia (Scorsese). «Nun mundo ideal, o nome de Piero Tosi serviría como punto de referencia para calquera tipo de excelencia artística», destacan desde Amigos da Ópera.

Coñecido pola súa versatilidade, o traballo de Tosi estendeuse desde o deseño dos peiteados (A caída dos deuses, 1969), a maquillaxe (Fellini Satyricon, 1970) ou os decorados (a secuencia de Fellini «Toby Dammit» en Histoires extraordinaires, con Louise Malle, 1968) ata os traxes historicamente precisos que creou para gran parte da obra de Visconti e a imaxinación prodixiosa de Pasolini (Medea, 1969).

Estas actividades paralelas da Temporada Lírica en Afundación complétanse con conferencias como as que o fillo do príncipe de Lampedusa, autor de O gatopardo, o musicólogo italiano Gioacchino Lanza Tomasi, Medalla de Ouro das Belas Artes do Goberno de España, pronunciará o día 3 de setembro, e o director de escena de La traviata, Mario Pontiggia, dará o día 5 sobre as relacións entre Luchino Visconti e a ópera.
Os críticos Julio Andrade e Antón de Santiago serán os encargados de lembrar a soprano coruñesa María Luisa Nache. Nache, a única cantante galega que compartiu escenario con María Callas na Scala de Milán, nacida na Coruña hai noventa anos. Ao cumprirse agora, ademais, o 60 aniversario do seu debut no Festival de Ópera, a Temporada Lírica réndelle homenaxe a través destas dúas conferencias e unha breve mostra con algúns dos vestidos que usou nas óperas que cantou nos principais escenarios do mundo, de Milán a Nova York.
Entre as novidades que a Temporada Lírica tamén ofrecerá estes días na sede principal de Afundación está o ciclo «Outras voces, outros ámbitos», con concertos gratuítos nos que destacados intérpretes ofrecerán visións particulares: o tenor Francisco Corujo fará un repaso polas cancións italianas de Tosti e de autores latinoamericanos (18 de setembro) e a soprano Carmen Romeu aproximarase á canción francesa de cabaré (17 de outubro).
Afundación será, ademais, a sede do «Curso de interpretación vocal» que Alberto Zedda, o prestixioso director de orquestra italiano, responsable del Rossini Opera Festival en Pésaro, impartirá a partir do 25 de setembro e que concluirá o 11 de outubro cun concerto dos alumnos participantes. Todos os concertos, películas e conferencias serán de acceso libre e gratuíto. A programación ao completo pode consultarse en www.amigosoperacoruna.org e en www.afundacion.org.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación), entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar